Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O comercio local e de proximidade en Ourense permanece aínda alleo na súa grande maioría ás posibilidades de venta que se abren a través de internet, pese ao imparable crecemento desta vía. Os responsables do pequeno comercio da cidade apuntan a que cada vez máis clientes (fundamentalmente xente nova de entre 25-35 anos) usan a rede para facer as súas compras e podería chegar a supoñer un incremento dun 10 a un 15 % nas ventas segundo os estudios de mercado realizados.

Plataformas comerciais como o Centro Comercial Aberto Ourense Centro ou a Asociación de Placeiros xa manifestaron publicamente a necesidade de facer unha plataforma que ofreza variedade de produtos para a súa venta a través do comercio electrónico, pero a día de hoxe existen iniciativas a nivel individual pero nunca se chegou a concretar un ambicioso proxecto comercial global para a cidade de Ourense.

En España, xa se levaron con éxito proxectos e iniciativas de marketplaces, como por exemplo en Madrid (www.mercado47.com), Málaga ou Bilbao. A base fundamental é a creación dunha tenda de tendas en internet, cunha marca recoñecible e común sobre a que asentarse (que nos prantexamos que podería ser o Concello de Ourense), cun dominio que poida permitir a búsqueda por sectores e produtos e que dende aí, cando seleccionemos o elixido, se poida entrar no perfil individual de cada comercio, pero seguindo vinculados á páxina web xeral na que se hospeda. Este método de funcionamento permite que cada un dos comerciantes poida decidir en cada momento que produtos do seu catálogo quere ofrecer, en función de temporadas, promocións especiais ou campañas puntuais.

O mecanismo deste tipo de plataformas fai que unha persoa poida facer unha compra en diferentes tendas, e incluso, que o cliente reciba os produtos na súa casa. A posterior, os xestores do marketplace encárganse de repartir o diñeiro de cada unha das ventas entre os comerciantes, sen custes bancarios nin loxísticos asociados para os comerciantes de cada unha das ventas, dacordo ao modelo que se estableza por parte do Concello de Ourense.

A idea da creación dunha Plataforma Municipal Online para a centralización e difusión da actividade do Comercio Local da nosa cidade ten como obxectivo que os comerciantes poidan ter acceso a un posicionamento en internet a un custe reducido, complementario á venta física, reforzando as súas posibilidades de sustento e axudando ao mantemento e aumento de empregos neste sector.

No tocante á financiación da marketplace ourensana, apostamos por un modelo de participación público privada, no que o Concello de Ourense asuma o custe do proxecto de desenvolvemento tecnolóxico do marketplace (estímase que pode rondar os 15.000-20.000 €) e os establecementos comerciais encargaríanse do mantemento da mesma (segundo o número de participantes podería rondar unha media de 15-20€/mes por establecemento), con independencia das ventas e beneficios acadados grazas ao posicionamento na rede.

En resumo, trátase dunha iniciativa cun custe mínimo a nivel municipal, que respondería á necesidade de apoio institucional ao noso comercio local e que podería acadar unha mellora nas súas ventas e favorecer á creación de emprego na nosa cidade.
Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopten os seguintes ACORDOS:

1. Instar ao Goberno Municipal a que proceda a redactar un Proxecto para a Creación da Plataforma de Venta Online a través do Concello de Ourense para o Comercio Local da nosa cidade, co obxectivo de servir de escaparate global para que todas as asociacións, centros comerciais, particulares, etc. do sector comercial da cidade que así o desexen teñan a opción de obter un posicionamento en internet ao seu alcance, podendo optimizar as súas ventas a través do comercio electrónico baixo o paraugas da Marca Ourense.

2. Instar ao Goberno Municipal a que unha vez redactado o proxecto este se presente ante a Mesa do Comercio Local do Concello de Ourense e se comprometa unha partida económica para o seu desenvolvemento e posta en marcha nos Orzamentos 2017.

 

O Pleno do Concello, por dezanove votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular, Grupo Municipal Socialista e Ourense en Común, e sete votos en contra do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

30-05-2017: Acordo plenario remitido a dona Flora Moure Iglesias. Recibido aviso de recepción o 2/06/2017.