Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

9.6 Moción do Grupo Municipal Socialista para a substitución do novo proxecto da sede da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en Ourense polo anteproxecto gañador do Concurso de Ideas de 2012.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

O pasado día 9 de Outubro de 2015, despois de 4 anos de demora, paralizando o anteproxecto preparado no 2012, dous meses antes das eleccións xerais, co dano que isto supuxo a Ourense; o Presidente da CH Miño-Sil e o Alcalde de Ourense, presentaban o novo proxecto da sede da CH Miño-Sil en Ourense, un proxecto básico cuxa superficie total é de 6.000 m2 (practicamente idéntica ao anterior) e cun importe total de execución de 5.000.000 € (o custe no anterior anteproxecto eran 4,5 millóns de €).

O novo proxecto presentado ten maior custe e ocupa practicamente o mesmo espazo, co cal, as razóns manifestadas por parte do Goberno Central e polo propio Presidente da CH Miño-Sil para desbotar o anteproxecto gañador do concurso de ideas do 2012 carecen de sentido. Asemade, o novo proxecto do edificio que se ubicaría á carón do Miño, entre o novo Edificio dos Xulgados e a Ponte do Milenio, non debe ser a oficina privada do Presidente da CH actual, ten a obriga de servir para as funcións administrativas e unha obriga que poucas veces se dá en Ourense: ser a representación dunha sede do Estado e de Galicia na nosa cidade; é máis, para iso se lle deu un solar cunha ubicación excepcional que realzará esa laboura de representación sen esquecer tamén o compromiso de construír un espazo público arredor.

Todo isto se atopa recollido no Protocolo asinado entre as dúas institucións e lembrado no Convenio, polo tanto, esta decisión pon de manifesto que se quebra o compromiso adquirido tanto no Protocolo (PARTE EXPOSITIVA CLÁUSULA QUINTA), coma no Convenio e no propio Concurso por parte do Concello e da Confederación, e con falta de transparencia na presentación do novo proxecto, sen saber quen o asinou, como foi o seu procedemento de encargo e posterior adxudicación e cal foi o seu custe total, o cal daba xa bastante que desconfiar.

O novo proxecto presentado presentaba unha carencia estética importante dada a céntrica ubicación do edificio na cidade, e máis se o comparamos co anteriormente presentado gañador do concurso de ideas en 2012.

     

Anteproxecto 2012                                                     Proxecto Básico 2015

En Novembro de 2015, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense presentaba unha moción que era aprobada pola maioría da corporación a excepción do PP, e adoptábase o  seguinte acordo:

  • Substituír o proxecto básico presentado para a nova sede da CH Miño-Sil polo Anteproxecto gañador do Concurso de ideas de 2012, máis barato na súa e execución e acorde coa dignidade e calidade que se lle require á Sede de Galicia e do Estado en Ourense; coas adaptacións de funcionalidade e accesibilidade que sexan necesarias antes da presentación do proxecto construtivo por parte da CH Miño-Sil.

Durante o ano 2016, o GMS rexistraba diversas solicitudes de documentación relativa ao Expediente de Solicitude da Licencia do Proxecto da Nova Sede da CH Miño-Sil en Ourense ao Concelleiro de Urbanismo, sen acadar resposta. Só foron remitidos os informes xurídicos e urbanísticos que deixaban en suspenso a posible concesión da licencia.

Pasado todo este tempo, e atopándonos xa en Febreiro de 2017, en vista de que a vontade política non foi a de proceder á substitución do proxecto polo anterior e existe unha flagrante falta de transparencia na información pública da concesión da licencia, así como das actuacións levadas a cabo dende a propia Concellería de Urbanismo; vémonos na obriga de denunciar a parálise da situación dunha obra cuxo remate estaba previsto para este ano e que aínda non se comezou sen que por parte dos responsables públicos e políticos se dea ningún tipo de explicación.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopte o seguinte ACORDO:

                                                         

  1. Substituír urxentemente o proxecto básico presentado para a nova sede da CH Miño-Sil polo Anteproxecto gañador do Concurso de Ideas de 2012, acorde coa dignidade e calidade que se lle require á Sede de Galicia e do Estado en Ourense, coas adaptacións de funcionalidade e accesibilidade que sexan necesarias antes da presentación do proxecto construtivo por parte da CH Miño-Sil para solicitar a correspondente licencia no Concello de Ourense; dada a inviabilidade demostrada do novo proxecto e como única solución á demora na construción dun equipamento desta relevancia para a nosa cidade na ubicación posta a disposición polo anterior Goberno Municipal.

           

O Pleno do Concello, por doce votos a favor do Grupo Municipal Socialista e  do grupo municipal de Democracia Ourensana, dez votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular, e tres abstencións do Grupo Municipal de Ourense en Común, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

3/05/2017: Acordo plenario remitido a don José Cudeiro Mazaira. Recibido aviso de recepción 04/05/2017.

 

Documentos: