Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

9.5 Moción do Grupo Municipal Socialista para a adhesión do Concello de Ouense ao programa piloto “Youth in Europe” co fin de poñer en  marcha medidas eficaces para reducir e erradicar as condutas aditivas e o fenómeno do “botellón” na cidade.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Fai un par de décadas, o abuso do alcol e as drogas entre adolescentes era un grave problema para as institucións en Islandia. Hoxe en día, o país nórdico converteuse nun exemplo e a súa revolución está a estenderse ao resto de Europa. O traballo para acadalo foi duro, a través de intervencións drásticas, directas e globais, pero os resultados foron certamente contundentes: a porcentaxe de adolescentes que abusa do alcol descendeu dun 48% a un 5%, os consumidores de cannabis dun 17% a un 7 % e o tabaquismo dun 23% a un 3%.

Todo xurdiu dunha tese do profesor americano de psicoloxía Harvey Milkman, que poñía en evidencia que o consumo de alcol e estupefacientes estaba relacionado coa predisposición ao estrés dalgunhas persoas. O segredo do éxito foi a colaboración de distintos actores, colexios e pais, medidas lexislativas, instauración de toques de queda e sobre todo o “bombardeo” aos xóvenes con actividades extraescolares, que enchían o seu tempo de ocio. Chegouse á conclusión de que os xóvenes que practicaban deportes e tiñan boa relación cos seus pais consumían menos drogas e alcol.

Agora estas mesmas experiencias comezan a levarse a cabo, por exemplo, na cidade de Tarragona, na que todos os xóvenes de 15 e 16 anos cumprimentaron unha enquisa e na que se analizaron con detalle os posibles riscos en cada barrio e cada instituto para a planificación de proxectos nos que participarán: familias, mestres, técnicos, empresarios, etc.

Está claro que dende os Concellos temos a responsabilidade de deseñar e levar a cabo continuamente medidas e iniciativas que favorezan alternativas de ocio e educativas aos xóvenes co fin de tratar de manter ao marxe as conductas pouco saudables; aínda que hai que recoñecer que a maioría son de carácter meramente informativo e non de acción directa.

Por este motivo, e chegados a este punto, dende o Grupo Municipal Socialista, sendo coñecedores do programa piloto “Youth in Europe” que a raíz da experiencia levada a cabo en Islandia se está a promover a nivel europeo, propoñendo aos Concellos que se adhiran, participen e pasen á acción directa aportándolles mecanismos para a diagnose, o estudio e a posta en marcha; cremos firmemente, que nun problema tan relevante e a súa vez tan normalizado na nosa cultura xuvenil como pode ser o fenómeno do “botellón” ou tamén o consumo doutras substancias aditivas, fan falta medidas institucionais prácticas e concretas en colaboración cos axentes sociais da nosa cidade, que de verdade poidan resultar efectivas.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopte o seguinte ACORDO:

 

1. Instar ao Goberno Municipal a que formalice a súa adhesión ao Programa ”Youth in Europe” co fin de analizar a situación actual na nosa cidade, participar e compartir información sobre iniciativas e medidas reais que se poidan levar a cabo dende o Concello de Ourense para a redución e erradicación tanto de condutas aditivas como de xeito especial do fenómeno coñecido como ”botellón”, que repercuten tan negativamente na saúde dos nosos cidadáns e na súa convivencia, sobre todo da nosa xuventude, e que están a ser efectivas noutras cidades de España e de Europa.

           

O Pleno do Concello, por vinte e tres votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular, Grupo Municipal Socialista e Democracia Ourensana, e tres abstencións do grupo municipal de Ourense en Común, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

3/05/2017: Acordo plenario remitido a dona Sofía Godoy Gómez-Franqueira.

 

Documentos: