Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

9.3 Moción do Grupo Municipal de Ourense en Común para o acondicionamento de aprte do espazo da vella E.D.A.R., sito no lugar de Reza, como área de servizo municipal para autocaravanas.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

  1. A situación turística actual de Ourense –2016– (extraído literalmente do Plan de acción no destino turístico de Ourense ante a chegada do AVE, redactado ao abeiro da Facultade de CC Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo)

 

A capital da provincia de Ourense conta cun amplo abano de recursos con potencial de atraer a visitantes e xerar pernoctacións na cidade. Algúns destes recursos forman parte xa da oferta turística da cidade, mentres que outros precisan dunha posta en valor para chegaren a converterse en produto turístico con capacidade de atracción de visitantes. Alén disto, a contorna da cidade conta tamén con elementos de atracción que poden contribuír á xeración de fluxos de visitantes tendo como lugar de pernocta a propia cidade. Os recursos turísticos cos que conta a cidade e os seus arredores poderíanse englobar en tres grandes grupos en función da súa natureza:

  1. Termais: As Burgas, Estación Termal das Burgas, Centro de Interpretación, Recursos Termais ao longo da marxe do Río Miño...
  2. Naturais e paisaxísticos: Augas Termais –Outariz e Chavasqueira–, Río Miño e diversas áreas recreativas e zonas axardinadas.
  3. Histórico-monumental, etnolóxico e artístico: Conxunto Histórico Centro Cidade, Catedral de San Martiño, Praza Maior, As Burgas, Convento San Francisco, Ponte Romana e Pontes modernas, Rúa do Paseo, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Conxunto Arqueolóxico de Santo Tomé, entre outros moitos.
  4. Festas e acontecementos programados: Os Maios, Entroido, Festival de Cine Internacional de Ourense e diversas manifestacións teatrais –MOTI, FITO... –.

Ademais, hai que destacar na contorna da cidade a Ribeira Sacra, territorio que se estende xeograficamente ao longo das provincias de Ourense e Lugo, candidato a converterse en Patrimonio da Humanidade por contar cunha grande cantidade de recursos turísticos, dende os naturais e paisaxísticos, pasando polo seu extenso patrimonio histórico-monumental e contando cun importante patrimonio gastronómico e enolóxico; así como festas e feiras de recoñecido prestixio e interese nacional e internacional. Por outra banda, destacar a proximidade doutras zonas de grande interese turístico dende o punto de vista enolóxico, como O Ribeiro, natural e cultural, como a vila de Allariz, e deportivo, como Castrelo de Miño.

Con todo, estes recursos turísticos conforman só unha parte da oferta turística da cidade de Ourense, precisando ser complementados por unha serie de infraestruturas complementarias de aloxamento, establecementos de restauración e, incluso, centros de congresos e exposicións preparados para acoller eventos de certa relevancia.

Atendendo aos datos do Instituto Nacional de Estatística para o período 2010-2014 observamos que, agás nos derradeiros meses do ano 2014, onde a estancia media foi maior de dous días, a estancia media nos aloxamentos hosteleiros da cidade nos últimos cinco anos foi inferior aos dous días, sen apreciarse importantes variacións neste senso ao longo do ano. Sendo unha demanda non estacional, é dicir, non existe unha excesiva concentración de turistas en determinadas épocas do ano (pequeno aumento no verán e outono), senón que se atopan bastante repartidos ao longo do mesmo, polo que os impactos negativos para a sociedade e a poboación local derivados dunha alta concentración de turistas na cidade en determinados períodos do ano, tal e como ocorre noutros destinos moi masificados, son mínimos.

Xa que logo, o reto para o sector turístico da cidade de Ourense consiste en atraer a un maior número de viaxeiros durante a semana, en períodos estivais e, especialmente, que prolonguen as súas estancias na cidade co obxectivo de incrementar o rendemento empresarial. Para iso, a cidade ten que dispor dunha oferta turística que sexa quen de contribuír a prolongar a estancia dos visitantes, o cal supón un maior gasto por parte dos turistas.

  1. O Turismo de autocaravana, un sector en crecemento

 

O denominado Turismo de Autocaravana é un turismo diferente á modalidade tradicional de oferta hoteleira que agromaba ao carón das praias do Mar Mediterráneo, primeiro e logo no resto do litoral, nas derradeiras décadas do século XX e unha evolución natural do Turismo Cultural que permitía despegar a oferta de grandes territorios de interior no cambio de milenio. Trátase dun turismo ao aire libre e compatible co medio ambiente que centra á viaxe como momento central do período estival grazas á tecnoloxía de vangarda destes vehículos.

Esta modalidade de turismo ten un longo percorrido no continente europeo contando con infraestruturas de calidade en países como Francia, Holanda e incluso no Algarve luso. Asemade a oferta en España está experimentando un proceso acelerado de cambio, posto que cada vez son máis os concellos que apostan por sumarse a este fenómeno. Numerosos municipios de interior e o litoral cantábrico apostan xa por ofertar espazos e servizos que permiten unha inxección económica que compensa de lonxe a de reducida inversión de acondicionamento das infraestruturas necesarias. Ofrécense así todas as facilidades para que este turismo síntase ben recibido e aumente os días de pernocta en destino, co conseguinte retorno económico especialmente centrado en hostalaría e pequeno comercio de produtos locais, gastronomía, etc.

 

Calcúlase que en España existen arredor de 40.000 autocaravanas. Estas son empregadas por milleiros de persoas para percorrer o territorio estatal ao longo do ano. Cifras ás que deberían sumarse as furgonetas non recoñecidas como autocaravanas e os milleiros de vehículos con matrícula europea que cada ano entran na Península Ibérica por Pirineos, así é que países como Francia contan cunha flota total de 400.000 autocaravanas rexistradas. Cifras que cuestionan falsos mitos como o reducido impacto económico deste tipo de turismo.

A propia administración central, consciente desta realidade, ten adaptado o Regulamento Xeral da Circulación para este tipo de vehículos aos estándares comunitarios europeos. De modo que os seus usuarios xa non poden ser discriminados sempre que respecten as medidas e pesos indicados para cada calzada. Diferenciando deste modo entre acampar e aparcar, reivindicación histórica do colectivo.

Con todo, e malia aos avances destes cambios normativos, este tipo de turismo demanda de servizos complementarios ao simple feito de aparcar nun lugar concreto. Demándase acceso a auga potable, baleirado de wc e augas usadas, electricidade e carga eléctrica, wifi, lavandería, tenda, etc.

  1. O Turismo de autocaravana en Ourense

 

As beiras do Río Miño concéntranse a diario decenas de autocaravanas e furgonetas atraídas polos recursos termais do noso municipio. Áreas como O Tinteiro ou o aparcamento Termas de Outariz son a carta de presentación do Concello de Ourense a este turismo sen estar habilitadas para tal fin. Estas carecen dos servizos máis básicos de wc e auga potable pero tamén doutros máis específicos como o baleirado das coñecidas augas negras.

A Federación Española de Asociaciones de Autocaravanistas primeiro e o colectivo Cámping Caravaning Club de Galicia-Ourense despois, veñen solicitando en reiteradas ocasións a necesidade de habilitar un espazo específico para este tipo de turismo na contorna da área termal. Argumentan que permitirá aumentar o volume de turistas que pernoctan na nosa cidade ao tempo que o retorno económico que estes xeran tanto nos locais como no propio espazo habilitado. Así é que a inversión rapidamente sería recuperada. Por outra banda ambos colectivos teñen afirmado que un espazo propio para aparcamento de autocaravanas e furgonetas liberaría espazo para o acceso doutro tipo de vehículos, moi necesario considerando o pouco aparcamento dispoñible próximo aos recursos termais como Outariz, Tinteiro ou Chavasqueira.

  1. Os terreos da antiga E.D.A.R. de Reza como oportunidade

No pleno ordinario do Concello de Ourense do día 6 de novembro de 2015 o grupo PSdeG-PSOE presentaba unha iniciativa para o mantemento de equipamentos para uso e desfrute dos veciños de Reza trala a demolición da antiga depuradora. Esta resolución plenaria foi aprobada por unanimidade do pleno coa formulación dunha emenda de adición presentada por Ourense en Común, resultando un acordo para instar ao Goberno Municipal para esgotar todas as vías xurídicas posibles para manter o equipamento que actualmente está ocupado polas oficinas da empresa construtora para o uso e desfrute dos veciños de Reza, unha vez se proceda á demolición da antiga depuradora.

Respondíase así a unha demanda que a Asociación de Veciños Quince de Agosto de Reza remitira á Concellería de Participación Cidadá o 26 de decembro de 2013. Solicitude motivada nos xustificados prexuízos sufridos polos propios veciños e veciñas durante anos, a causa da propia depuradora.

A inicios do pasado mes de febreiro de 2017 comezaron os traballos de demolición dos dixestores da antiga estación. O primeiro paso dunha actuación que proxecta a recuperación de todos os terreos, ata o de agora ocupados, co fin de convertelos nun novo parque público do barrio e da cidade de Ourense.

 

Estes terreos están cualificados no ordenamento vixente (PGOU 86) como Equipamentos Urbanos, e no documento aprobado inicialmente do novo PXOM como Zona Verde/Espazo Libre. Categoría que permitirá manter o uso de zona verde así como de equipamento sempre que este non supere unha superficie maior ao 5 % do total.

Atendendo ao anterior, e previa consulta de conformidade á Asociación de Veciños Quince de Agosto, preséntase a posibilidade de recuperar os terreos da antiga E.D.A.R. para un uso compatible a tres bandas:

  • Para a veciñanza de Reza cun local social adaptado as súas necesidades.
  • Para toda a cidadanía de Ourense cun espazo verde.
  • Para o turismo coa implantación dunha área para autocaravanas.

O espazo da vella depuradora acollería así nun marco ideal a este turismo, contribuíndo á dinamización do propio núcleo de Reza. O custe da inversión sería mínimo en contraposición co beneficio que xera este turismo en crecemento. Así é que esta sería recuperada coa propia recadación da área de autocaravanas en pouco (os prezos por acceso roldan os 6€ por autocaravana + servizos como internet 3€ / electricidade 3€, etc.).

 

Unha actuación como esta permitiría paliar o déficit de servizo do Concello de Ourense evidenciado na pernocta precaria que cada día enche a contorna da pasarela de Outariz, ou o Campo da Feira.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda con urxencia a iniciar os oportunos estudios económicos e xurídicos para a creación dun parque para autocaravanas en parte do espazo da vella E.D.A.R., sita no lugar de Reza. Este deberá ser compatible coa demanda veciñal dun local social e atender as necesidades propias deste tipo de turismo. Así é que deberá contar como mínimo con servizo de auga, baleirado de wc e augas usadas, electricidade e carga eléctrica, entre outros.

Emenda de substitución presentada polo Grupo Municipal Socialista:

SUBSTITUCIÓN DO SEGUINTE PUNTO:

  • “O Pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda con urxencia a iniciar os oportunos estudios económicos e xurídicos para a creación dun parque para autocaravanas en parte do espazo da vella E.D.A.R., sita no lugar de Reza. Este deberá ser compatible coa demanda veciñal dun local social e atender as necesidades propias deste tipo de turismo. Así é que deberá contar como mínimo con servizo de auga, baleirado de wc e augas usadas, electricidade e carga eléctrica, entre outros.”

 

  • Pola seguinte proposta de ACORDO: ”Instar ao Goberno Municipal a que proceda á redacción dun estudio urbanístico, económico e de viabilidade sobre as alternativas coas que se podería contar para a creación dun parque de autocaravanas no Concello de Ourense, e unha vez realizado, se proceda a decidir cal sería a ubicación máis idónea para a posta a disposición dos terreos, a execución das obras, a asignación do orzamento de execución necesario, etc. sen esquecer a elección dun proxecto acorde co entorno necesario para os usuarios de autocaravanas que responda as súas necesidades e tamén sendo respectuoso cos veciños da zona na que definitivamente se decida ubicar.”

TEXTO DEFINITIVO DO ACORDO:

  • PUNTO Nº 1:Instar ao Goberno Municipal a que proceda á redacción dun estudio urbanístico, económico e de viabilidade sobre as alternativas coas que se podería contar para a creación dun parque de autocaravanas no Concello de Ourense, e unha vez realizado, se proceda a decidir cal sería a ubicación máis idónea para a posta a disposición dos terreos, a execución das obras, a asignación do orzamento de execución necesario, etc. sen esquecer a elección dun proxecto acorde co entorno necesario para os usuarios de autocaravanas que responda as súas necesidades e tamén sendo respectuoso cos veciños da zona na que definitivamente se decida ubicar.”

           

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a emenda.

En consecuencia, queda aprobada a moción coa redacción dada pola emenda.

3/05/2017: Acordo plenario remitido a don José Araújo Fernández. Recibido aviso de recepción 4/05/2017.

 

Documentos: