Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e, a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúen uns dos grandes retos do século XXI

A vida económica e, en particular, o mundo laboral, é un dos ámbitos fundamentais da promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Na nosa sociedade, a desigual repartición entre os xéneros das responsabilidades familiares e do fogar constitúe un dos principais obstáculos para a participación plena das mulleres no mercado laboral, así como á súa permanencia e promoción dentro do mesmo. A conciliación da vida persoal, familiar e laboral constitúe unha problemática complexa e conflitiva para unha parte da cidadanía, as mulleres, que viven en primeira persoa este conflito, pero tamén para os homes, as familias, os concellos, as empresas, o mercado laboral e a sociedade en xeral.

Podemos definir a conciliación como a participación equilibrada de mulleres e homes na vida persoal, familiar e no mercado de traballo. Isto supón compartir o traballo existente (organizando e flexibilizando os usos do tempo sobre a base da igualdade), compartir o poder, compartir as responsabilidades públicas e propiciar a presenza de mulleres nos ámbitos de decisión política e económica.

Non se circunscribe, por tanto, ao ámbito privado e necesita a implicación de todos os axentes sociais: administracións públicas, empresas, sindicatos e tecido asociativo.

A corresponsabilidade social vai máis aló da conciliación. A corresponsabilidade social significa aumentar a implicación das persoas na repartición das responsabilidades domésticas e familiares, especialmente os homes, para estenderse a outros axentes sociais e instancias públicas e privadas.

A falta de corresponsabilidade e as dificultades para conciliar vida persoal, familiar e laboral, contribúen a soster a discriminación laboral e salarial das mulleres e constitúen unha das súas principais barreiras para o seu desenvolvemento profesional. No caso da sociedade supoñen unha importante perda de talento que lastra a competitividade empresarial e dificulta o progreso económico.

É importante coñecer estas consecuencias na vida das persoas, pero tamén para a sociedade no seu conxunto para ser conscientes do alcance do problema e para buscar solucións que vaian á raíz do mesmo. Non se trata de axudar ás mulleres para que poidan traballar e levar o fogar senón de repartir tarefas e responsabilidade para que tanto homes como mulleres, gocen e exerzan os mesmos dereitos e as mesmas responsabilidades.

O traballar por e para a conciliación require dunha reflexión sobre o mercado laboral, o modelo educativo, de cidade, de urbanismo, de servizos... e incorporar a perspectiva de xénero de forma transversal nas políticas que se desenvolvan.

O ámbito local, pola súa proximidade á vida da cidadanía, é un marco idóneo para a promoción e xestión de recursos e servizos para a conciliación.

Ademais, debemos ter en conta e non perder de vista, o labor que os Concellos veñen realizando respecto da consecución de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Esta experiencia en materia de igualdade, facilita a interacción coa cidadanía, a identificación das necesidades do propio concello respecto a conciliación e, sobre todo, a promoción da participación cidadá.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Partido Popular presenta para a súa aprobación, que se adopte o seguinte ACORDO:

“O Concello de Ourense insta á Xunta de Galicia, en coordinación e coa colaboración da Fegamp, a promover un Pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal nos concellos galegos”.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

 23-03-2017: Acordo plenario remitido a dona Sofía Godoy Gómez-Franqueira.

 

Documentos: