Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

PREÁMBULO

É ben sabido por esta corporación municipal que o Concello de Ourense non conta con actividades de lecer dirixidas e adaptadas á diversidade.

A Carta sobre a Educación do Lecer, Asociación Internacional WLRA (World Leisure And Recreation Association) 1994, define o concepto actual de lecer como unha área específica da experiencia humana con beneficios propios, que é importante para o desenvolvemento persoal, social e económico e que fomenta un benestar e unha boa saúde xeral. Considerándose un dereito humano básico, o seu desenvolvemento facilítase garantindo as condicións básicas da vida, sen poder desligarse doutros obxectivos vitais, que alivia sentimentos como a tensión, a insatisfacción ou o aburrimento e cuxo tempo de dedicación vese influenciado polos cambios económicos e sociais que experimentan as sociedades.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

A sociedade non é homoxénea. Distintas capacidades, distintos roles, distintos recursos económicos, distintas etnias e distintas crenzas temos que convivir nun espazo comunitario que reflicte a diversidade. Precisamente, a educación en valores debe primar a aceptación desa diversidade para que todas as persoas vívana desde a absoluta normalidade.

Ese obxectivo educativo débese trasladar tamén ás actividades de lecer e tempo libre. Para que, os rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais se integren cos demais nun ambiente de respecto, harmonía e fortes lazos de amizade.

Apostamos por unha oferta de lecer comunitario como unha intervención preferible, fronte a outra máis inicial como a oferta específica, para a integración das diversidades. Consiste en deseñar programas específicos pero sen estar segregados nin diferenciados por grupos, o cal, aínda que presente dificultades en certos momentos, é unha boa maneira de equilibrar aos participantes para así non partir das limitacións que teña unha persoa senón das súas capacidades. Aquí, enténdese o lecer como medio e como fin. Un exemplo de cada unha destas ofertas son:

Oferta específica: segregamos un grupo inicial noutros máis pequenos en función da súa diversidade (dun grupo de vinte persoas extraemos un grupo de dez con limitacións sensoriais) e por mor de aí trabállase con actividades específicas para eles. Sería un punto de vista máis terapéutico.

Oferta comunitaria: collemos un grupo, independentemente das súas diversidades e realízanse actividades que os engloben a todos (xogar as agochadas con nenos e nenas con limitacións intelectuais e outros sen elas). Seguramente nalgúns puntos da actividade haxa dificultades, como que algún neno ou nena non se escondeu, que se ría cando un compañeiro pasa polo agocho doutro ou que non queira esconderse, pero soluciónanse coa participación de todos.

Con todo, para que a integración se poda realizar con garantías de éxito son necesarios recursos económicos e humanos especializados.

• Persoal cualificado, valorando a dependencia do rapaz ou rapaza cara ao monitor ou a persoa encargada e o seu nivel de iniciativa e autocontrol.
• Atención personalizada. Os nenos e nenas con necesidades especiais intégranse no conxunto dos rapaces con total normalidade pero deben contar co apoio dunha atención personalizada que facilite aínda máis a súa participación nas actividades colectivas.
• Número de monitores adaptado ás características do grupo que participa nas actividades de lecer e tempo libre expostas. É dicir, igual que durante o curso escolar, os grupos nos que se integran nenos e nenas con necesidades especiais, se reforzan con persoal educativo específico.

Estas cuestións e algunhas máis son as que o noso Concello debería ter en conta á hora de deseñar esta nova oferta de lecer. Esta demanda, da que xa se fixo eco este pleno, parte das nais e pais do colexio "Miño" de Velle, que ante a falta de oferta de lecer no Concello, xa teñen feito un estudo de necesidades, de orzamento e de características que deberían ter esas actividades. Seguro que o goberno municipal pode contar con estas familias para asesorarse e ser axudados a facer o mellor proxecto posible.

EPÍLOGO

As actividades de lecer e tempo libre planéanse co obxectivo de que todos os participantes gocen, se socialicen e aprendan. A diversidade axuda a que se logren estes obxectivos e é enriquecedora non só para as persoas con algunha necesidade especial, senón tamén para o resto de participantes que aprenden a convivir nunha sociedade inclusiva.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para a realización de actividades de lecer adaptadas á diversidade, que sirva de ferramenta conciliadora e de respiro familiar nas datas non lectivas, contando coa participación das familias no deseño de dita proposta.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

 23-03/2017: Acordo plenario remitido a Dona Belén Iglesias Cortés. Recibido aviso de recepción o 23/03/2017.

 

Documentos: