Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

No pleno ordinario do día 02/09/2015, o grupo municipal Democracia Ourensana presentaba unha iniciativa ao resto de grupos da corporación para cancelar de forma urxente o prego de contratación (daquela en curso) sobre o Mobiliario Urbano para a Presentación de Información, coñecido polo seu acrónimo MUPI. A tal iniciativa, o grupo municipal Ourense en Común presentaba unha emenda de substitución que, mantendo a denuncia do texto orixinal, pretendía discernir entre aqueles soportes que supuñan unha barreira arquitectónica daqueles outros que poderían xogar un importante papel social para a difusión dentro do municipio. Labor arduo complicada para todo tipo de asociacións e colectivos carentes de mobiliario urbano onde poder anunciar e difundir as súas actividades.

Deste modo solicitábase substituír o acordo proposto por un novo texto:

• TEXTO INICIAL: que o Concello de Ourense proceda con carácter urxente e prioritario a eliminar todos os Mupis da cidade e cancelar o prego de contratación en curso.
• TEXTO SUBSTITUCIÓN: que o Concello de Ourense proceda con carácter urxente e prioritario a eliminar os Mupis que supoñan unha barreira arquitectónica e cancelar o prego de contratación en curso. Comprometéndose asemade a instalar coa maior celeridade posible Taboleiros de Barrio que serán xestionados polas diferentes asociacións de veciñas para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión.

O resultado da votación naquel pleno, cos once votos a favor de Ourense en Común e Democracia Ourensana fronte os dez votos en contra do Partido Popular e as seis abstencións do Partido Socialista de Galicia, permitía aprobar a iniciativa nos termos da emenda de substitución presentada. Sendo enviado o acordo plenario o 19/10/2015 á concelleira delegada Dona Ana María Fernández Morenza (recibida copia asinada na mesma data).

Un ano despois, en outubro de 2016, o equipo de goberno do Partido Popular no Concello de Ourense materializaba o incumprimento deste compromiso plenario, formalizando un contrato cunha empresa que asumiría a xestión destes soportes. A sociedade concesionaria comprometíase a ter en perfectas condicións de conservación, antes do 6 de decembro de 2016, este mobiliario urbano para a presentación de información, asumindo así o control da publicidade dos mesmos e reservando o 20% para informar sobre actividades do Concello.

A realidade na rúa a día de hoxe, está ben lonxe de cumprir con estas condicións, exhibindo na maioría dos casos publicidade da propia empresa, espazos baleiros ou campañas desfasadas, incumprindo tamén o prego neste caso, xa que compromete á empresa a retirar publicidade desactualizada no prazo máximo dunha semana. Con este incumprimento e a impasibilidade do goberno, os coñecidos como Mupis acumulan agora máis dun ano sen control, despois de que o procedemento administrativo para a adxudicación se dilatara ata oito meses.

Nada foi realizado ata a actualidade para analizar e retirar aqueles soportes que supoñan unha barreira arquitectónica, nin parece existir vontade do goberno municipal para instalar os coñecidos como Taboleiros de Barrio que deberían ser xestionados polas propias asociacións de veciñas para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión.

Pola contra, dende xaneiro do pasado ano, o equipo de goberno do Partido Popular no Concello de Ourense anunciaba que pretendía exercer un maior control e unha presión sancionadora máis intensa sobre a cartelería ilegal en fachadas e mobiliario urbano da cidade. Durante o ano 2016 foron tramitados 43 expedientes sancionadores e ata o día de hoxe foron tramitadas cinco sancións.

EPÍLOGO

O Concello de Ourense presenta na actualidade un marco normativo que obriga a colectivos culturais ou asociacións veciñais a pagar por realizar na vía pública actividades sen ánimo de lucro, sancionando aos mesmos en caso de que estas sexan difundidas mediante cartelería en fachadas ou mobiliario urbano. Todo isto sen aportar alternativas para poder difundir ou divulgar calquera iniciativa de forma legal.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda a instalar coa maior celeridade posible Taboleiros de Barrio que serán xestionados polas diferentes asociacións veciñais para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión.

2.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que garanta que a empresa concesionaria na xestión do Mobiliario Urbano para a Presentación de Información, manteña este en perfectas condicións de conservación e proceda a ocupar o 20% para informar sobre actividades do Concello.

 

O Pleno do Concello de Ourense por dezaoito votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular, PSdeG-PSOE e Ourense en Común , e sete votos en contra do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

23-03-2017: Acordo plenario remitido a dona Belén Iglesias Cortés. Recibido aviso de recepción o 23/03/2017.

 

Documentos: