Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A provincia de Ourense é a única da comunidade galega que non conta cun CENTRO DE ATENCIÓN A PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL, público e de xestión pública, que integre centro residencial, centro de día e de respiro familiar. Na actualidade hai usuarias/usuarios que están en centros públicos fóra da nosa provincia, aos que os seus proxenitores e familiares desexarían en Ourense, sempre que sexa para un centro público e de xestión pública.

Hai rapaces que ao rematar a etapa escolar quedaron nas súas casas debido a que ir a un CAPD público obriga a desprazarse a outras provincias, o que supón romper o vínculo familiar, cuestión que fai de absoluta necesidade contar con prazas de respiro familiar adaptadas aos seus familiares, xa que na actualidade as prazas ofertadas en Ourense son en centros xeriátricos.

Cando as persoas dependentes con discapacidade física, parálise cerebral e dano cerebral acaban a etapa escolar, teñen 21 anos, e para elas un CAPD vai ser o resto da súa vida, polo tanto, merécense un centro cunhas instalacións dignas e adaptadas as súas necesidades, que, como mínimo sexan como os das outras provincias galegas.

Co fin de solventar a discriminación á que se ve sometida, non só a provincia de Ourense, senón tamén todos os familiares e persoas con discapacidade física, parálise cerebral ou dano cerebral, a plataforma ProCAPD-Ourense concitou o apoio e a colaboración de todas as organizacións representativas da provincia, así como máis de 50.000 sinaturas de apoio para a creación dun CENTRO TERAPÉUTICO OCUPACIONAL, ou o que é o mesmo, un CAPD na provincia de Ourense.

O compromiso de construción dun centro de atención terapéutica-ocupación público de xestión pública, que integre centro residencial, centro de día e prazas de respiro familiar foi asinado o 19 de setembro de 2016 por todos os partidos políticos.

Máis con ocasión de examinar o proxecto exposto polo técnicos da Consellería a Plataforma ProCAPD-Ourense descubriu que o que se pretende levar a cabo é a creación dun “centro ocupacional con servizo de atención diurna e residencia”. Este proxecto non é o que a Plataforma demanda, nin que o que os partidos políticos (PP, PSOE, BNG, EN MAREA, DO) asinamos naquel acordo de setembro, que está moi lonxe das prazas comprometidas e que segundo os planos dificilmente vai poder ser xestionado sen externalizar servizos, imposibilitando a xestión pública tamén comprometida.

O que se esixe á plataforma, e ao que nos comprometemos as distintas organizacións políticas e sindicais, é a un centro de servizos específicos de atención residencial, diurna e respiro familiar destinados a persoas dependentes con discapacidade física, parálise cerebral e dano cerebral, que para os que dado o seu grao de gran dependencia, un Centro Ocupacional non é o máis axeitado. O que precisan é un “CENTRO DE ATENCIÓN TERAPÉUTICA-OCUPACIONAL” público e de xestión pública, atendido con empregados públicos.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopten os seguintes ACORDOS:

1. A Corporación Municipal do Concello de Ourense amosa o seu rexeitamento ao proxecto presentado por non ser o que precisa a provincia. Nin por servizos, nin número de prazas, nin por garantir a xestión pública, coa que nos comprometemos os partidos políticos en acordo asinado o 19 de Setembro de 2016.

2. A Corporación Municipal do Concello de Ourense insta á Xunta de Galicia a que se elabore un Novo Proxecto que se corresponda cun “CENTRO DE ATENCIÓN TERAPÉUTICA-OCUPACIONAL”, público, que se execute nunha primeira fase o centro de día e servizos común e que deixe previsto para unha segunda fase o centro residencial.

3. A Corporación Municipal do Concello de Ourense insta á Xunta de Galicia a que se garanta, en todo caso, a xestión pública do mesmo.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: aprobar a moción.

20-02-2017: Acordo plenario remitido a Dª. Sofía Godoy Gómez-Franqueira. 

 

 Documentos: