Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

PREÁMBULO:

Dende Ourense en Común entendemos o Patrimonio como aquel ben, sexa cultural, natural, material ou inmaterial, que recibimos como herdanza do noso pasado, continuamos a crear hoxe, e legaremos ás xeracións futuras. Así é que, como parte irrenunciable do ser colectivo, o Patrimonio non pode ser propiedade de ninguén. En tanto que está inserido na propia identidade persoal non debe ser xestionado como algo estático, pechado e obsoleto. A súa conservación supera os límites do individuo fronte ao colectivo e avanza máis aló do plano administrativo. Só garantindo o seu coñecemento acadará a valoración social necesaria para ser protexido.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

a) Santa Comba de Naves: o monumento

O conxunto monástico medieval sito na parroquia de Palmés (San Mamede), no lugar de Naves, atópase actualmente catalogado pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia (Lei 5/2016, do 4 de maio). A titularidade do monumento pasou a mans privadas despois de que o anterior propietario, o Bispado de Ourense, vendera o conxunto no mes de decembro de 2015.

Con posterioridade inícianse varios trámites na Concellería de Urbanismo, Servizo de Planeamento e Xestión, para acometer varias reformas nas edificacións. O 15 de Xullo de 2016 emítese informe técnico municipal no que se deixa constancia do lamentable estado de conservación do monumento e do risco para as persoas que o visitan:

1. Malia a ter proposto en anteriores requerimentos ao propietario a execución dun peche na capela e no mosteiro que non permitan a entrada a persoas ao interior do recinto pero si as vistas e o paso a pequenos animais; instaláronse dúas portas metálicas sen autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia. Unha forzada na actualidade e outra derrubada co correspondente risco para as persoas que seguen accedendo ao monumento sen protección.

2. Para frear o deterioro das construcións requiriuse unha serie de actuacións de apuntalamento preventivo, consolidación dos muros lonxitudinais inferiores e a protección con morteiro de cal e area dos resaltes de muros. Actuacións pendentes de realizar e sen solicitude sequera de autorización para acometela.

3. Demandáronse asemade ao propietario actuacións de limpeza e roza que malia a ter sido realizadas en parte a vexetación segue crecendo sen control e afectando á estabilidade estrutural das edificacións.

b) Santa Comba de Naves: a contorna

A cotío acostumamos a ligar o concepto de patrimonio cun monumento concreto ou unha singularidade natural ou paisaxística. Pola contra poucas veces valoramos o contexto no que dito ben se empraza. Un erro que administracións e xestores públicos procuraron de solucionar dende inicios do presente século de diversos modos: ampliando os límites de protección dos bens culturais, introducindo lóxicas de ordenamento territorial no desenvolvemento urbanístico e de infraestruturas, etc.

A administración autonómica puxo en marcha no ano 2005 unha serie de ferramentas para que entidades menores como os municipios tiveran medios para protexer espazos que polas súas singularidades foran merecedores dalgún tipo de protección. Xurdía así a figura dos Espazos Naturais de Interese Local (en adiante ENIL) e os Espazos Privados de Interesa Natural (en adiante EPIN). Categorías ambas orientadas a desenvolver mediante Decreto 124/2005, do 6 de maio, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A paisaxe galega conta dende 2008 cun marco normativo propio (Lei 7/2008, do 7 de xullo de protección da paisaxe de Galicia) que permite o “recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, co fin de preservar e ordenar todos os elementos que a configuran no marco do desenvolvemento sostible, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, por canto transcende os eidos ambientais, culturais, sociais e económicos”.

Esta lei impulsa a plena integración da paisaxe en todas as políticas sectoriais públicas. Unha liña de traballo constante dende a súa aprobación ata a actualidade, momento no que se pretende aprobar unha nova normativa que ten como obxectivo recoñecer xuridicamente a paisaxe e promover políticas para a súa conservación, protección, xestión e ordenación, servindo como marco de referencia para todas as lexislacións, plans e programas que poden influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, e en especial cando afecten a espazos de alto valor natural e cultural.

O conxunto monástico medieval sito no lugar de Naves contempla no catálogo urbanístico do Plan Xeral de Ordenación Municipal, actualmente en redacción, un entorno de protección mínimo como fixa a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia (Lei 5/2016, do 4 de maio). Malia isto a fraga mellor conservada do Concello de Ourense sita na súa contorna non conta na actualidade con ningunha categoría de protección. Nas súas máis de 500 hectáreas pódense observar ecosistemas forestais atlánticos e mediterráneos; árbores centenarias, grandes rochedos, corredoiras medievais, conxuntos etnográficos e culturais de grande valor, miradoiros da bocarribeira do Miño e de Ourense cidade que fican esquecidas na memoria nun lamentable estado de abandono.

EPÍLOGO

Nos últimos anos moitos foron os colectivos que demandaron un trato digno para o monumento de Santa Comba de Naves e a súa contorna. A AA.VV. de Palmés, Comunidade de Montes de Naves, AA.VV. San Miguel de Canedo, Anacos da Cidade, AA.VV. de San Breixo de Seixalbo, Verdegaia, Amigos da Terra e veciños e veciñas de todo o municipio teñen realizado nos últimos anos diferentes actividades de posta en valor como andainas, roteiros, charlas, etc. Agora é a quenda das administracións públicas:

1º) Esixindo aos actuais propietarios, toda vez que o actual equipo de goberno deu por perdida a oportunidade de adquirir os terreos, o estrito cumprimento das medidas preventivas e de conservación das edificacións ditaminadas polos servizos técnicos municipais da Concellería de Urbanismo.

2º) Iniciando o procedemento de declaración de Espazo Natural de Interese Local, ou no seu defecto Espazo Privado de Interese Local, á contorna do mosteiro sito en Santa Comba de Naves. Unha actuación que permitirá elaborar un instrumento de planificación efectivo e perdurable no tempo para conservar os valores naturais, culturais e etnográficos da zona. Este deberá ser redactado en coordinación coa comunidade local e de propietarios ao fin de definir o réxime de uso e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias.

3º) Acondicionando e sinalizando a rede de camiños da contorna do mosteiro de Santa Comba de Naves co fin de conectala co circuíto fluvial do Río Miño. Acción que permitirá engadir valor á oferta turística termal, fomentando o turismo de sendeirismo e hábitos de vida saudables entre a poboación, ao tempo que mellora o recoñecemento social do monumento.

É por todo o anterior que o Grupo Municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos.

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que garanta o estrito cumprimento das medidas preventivas e de conservación das edificacións ditaminadas polos servizos técnicos municipais da Concellería de Urbanismo para o conxunto monástico sito na parroquia de Palmés (San Mamede), no lugar de Naves.

2.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda a iniciar o procedemento de declaración de Espazo Natural de Interese Local, ou no seu defecto Espazo Privado de Interese Local, á contorna do mosteiro sito en Santa Comba de Naves. A redacción do instrumento de planificación definitivo deberá ser redactada en coordinación coa comunidade de propietarios e veciños do espazo.

3.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que reserve unha partida específica nos orzamentos de 2017 para acondicionar e sinalizar a rede de camiños da contorna do mosteiro de Santa Comba de Naves co fin de conectala co circuíto fluvial do Río Miño.

 

O Pleno do Concello por dezaseis votos a favor dos Grupos Municipais do PSdeG-PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común, e dez votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar o punto tres da moción.

20-02-2017: Acordo plenario remitido a D. José Cudeiro Mazaira. Recibido aviso de recepción 21/02/2017.

 

 Documentos: