Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

PREÁMBULO

Dende Ourense en Común entendemos que a cooperación municipal con empresas privadas pasa porque estas asuman compromisos vinculados ás boas prácticas empresariais e á realización de accións que redunden en beneficio da comunidade. A contratación pública, ademais de asegurar un medio para a provisión de bens e servizos debe constituír xa que logo un instrumento de intervención e regulación das relacións económicas, que permitan artellar as bases do modelo de sociedade e de mercado que queremos, coa manifesta finalidade de servir aos intereses xerais da cidadanía e en defensa dos intereses e necesidades dos colectivos máis desfavorecidos. Por todo o anterior a finalidade da contratación pública non pode estar dirixida exclusivamente a conseguir a realización de obras, a prestación de servizos ou a obtención dun subministro a prezo económico, senón tamén a asegurar que esta se dirixe á consecución de políticas de igualdade de xénero, inserción de colectivos obxecto de discriminación, condicións laborais axeitadas para os seus traballadores e outras cláusulas sociais e ambientais, tales como a de Compra Pública Responsable (CPR).

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

Os servizos de limpeza de dependencias municipais e axuda no fogar semellan estar condenados a non poder ser executados baixo a actual administración do Partido Popular dun modo dilixente, responsable e garante coas condicións laborais mínimas.

Xa no Pleno Ordinario do Concello de Ourense do 04/09/2015 Ourense en Común (en adiante OUeC) presentaba unha moción para someter a estudo todos os contratos municipais coa empresa Limpiezas, Ajardinamientos y Servicios Seralia,S.A., unha das concesionarias destes servizos. O motivo, un incumprimento do prego de condicións no que se refire aos dereitos das traballadoras. Nomeadamente, o prego de cláusulas administrativas particulares, no artigo 243 de "obrigacións do contratista durante a execución do contrato" e o artigo 254 de "obrigacións laborais do contratista". A iniciativa de estudo de OUeC foi rexeitada cos votos en contra dos grupos municipais do Partido Popular e do PSdeG-PSOE.

Unha resposta semellante sería a amosada por ambos grupos municipais no Pleno Ordinario do 08/01/2016 cando a iniciativa de OUeC novamente solicitábase a constitución dunha comisión informativa sobre as principais concesións municipais e a creación dun grupo de traballo que estudara, tendo en conta a actual lexislación, a posibilidade de recuperación paulatina de servizos municipais para garantir que ditos incumprimentos non se repetiran novamente. Así é que semella que calquera iniciativa que procure poñer luz e transparencia nunha área nodal como o de Contratación é bloqueada de forma reiterada por aqueles grupos que tiveron ou teñen responsabilidades en tal servizo no pasado ou no presente.

As condicións de precariedade laboral en ambos servizos mantivéronse así ata actualidade perante a inacción do goberno municipal, amosando unha nula capacidade de planificación equiparable a falta de previsión na renovación de concesións, rebaixa nos tributos ou aprobación dun orzamento.

Novamente, como xa acontecera no pasado, o Comité de Empresa do servizo de limpeza de dependencias municipais denuncia a súa inseguridade laboral e incerteza despois de coñecer que a empresa responsable ONET-SERALIA,S.A. (denominada ata o 16 de xuño de 2016 Limpiezas, Ajardinamientos y Servicios Seralia,S.A.) pretende finalizar a prestación do servizo a 31 de xaneiro de 2017, segundo escrito presentado co Nº Rexistro 2016066820 a 19 de decembro de 2016 do que non foi informada a corporación municipal:

- Por ter rematado o período de dous anos de duración inicial do contrato a data 20 de abril de 2016.
- En cumprimento das sentencias xudiciais (154/2015 e 273/2016) que anulan o contrato administrativo subscrito o 9 de abril de 2014 entre o Concello de Ourense e a empresa ONET-SERALIA,S.A.
- Por estar prestando este servizo en precario ata a actualidade incumprindo a normativa de contratación por parte da administración municipal.

Neste escrito o Director da División Multiservicios ONET-SERALIA,S.A. afirma ter informado ao Concello de Ourense da súa intención de non continuar prestando o servizo máis aló do 30 de abril de 2016 ata en tres ocasións diferentes: 26 de febreiro, 28 de abril e, pasada xa a data límite do contrato, 9 de novembro. Deixando ao marxe a gravidade de non ter informado ao resto da corporación desta eventualidade esta afirmación amosa como o edil responsable da área de Servizos Xerais do Concello de Ourense, D. Pumar Tesouro, mentía na Xunta de Área de Facenda, Servizos Xerais, Turismo e Termalismo celebrada o 3 de xaneiro de 2017 cando a pregunta da concelleira de OUeC Piñeiro Prada sobre este extremo “D. Jorge Pumar contesta que [a empresa comunicouno] o 19/12/2016, pero matiza que non renunciou, senón que informou que coas condicións actuais non pode seguir prestando o servizo”.

EPÍLOGO

Novamente, como acontecía no pasado co Servizo de Axuda no Fogar, son as traballadoras as vítimas da falta de dilixencia municipal. A solución temporal proposta polo Partido Popular é a xestión directa do servizo namentres se redacta un novo prego, oculto aínda a ollos do resto da corporación e sen escoitar as demandas do Comité de Empresa e Sindicatos. Ambos colectivos advertían recentemente do risco de volver a redactar un prego que atenda só a criterios económicos e penalice as condicións laborais. Co que o problema podería repetirse novamente no futuro.

Dende OUeC entendemos que os responsables directos de calquera incumprimento contractual serán sempre as empresas concesionarias, con todo neste caso tamén existe unha responsabilidade subsidiaria da administración responsable da xestión dos mesmos por falta de previsión. Tendo esta ademais a capacidade de fiscalizar debidamente os servizos, redactar plicas que garantan as condicións laborais mínimas, apostar por pregos que brinden eses dereitos e introduzan cláusulas estratéxicas (finalidades sociais e ambientais, igualdade, inclusión social, etc.). Opinión compartida co resto de grupos da corporación, agás Democracia Ourensana, considerando a votación da iniciativa plenaria presentada por OUeC o 02/09/2016 para a inclusión de cláusulas estratéxicas nos pregos de contratación pública.

É por todo o anterior que o Grupo Municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que garanta máis aló do 31 de xaneiro de 2017 a prestación dun servizo esencial como o de limpeza de dependencias municipais respectando as condicións laborais actuais das traballadoras.

2.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que, en cumprimento da resolución plenaria aprobada coa maioría de votos do PP, PSdeG-PSOE e OUeC o 02/09/2016, proceda a incluír cláusulas estratéxicas nos pregos de contratación do novo servizo. Para tal extremo procederá a elaborar un texto de consenso coas representantes das traballadoras.

 

O Pleno do Concello por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar o primeiro punto da moción.

O Pleno do Concello por nove votos a favor dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e Ourense en Común, dez votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular e oito abstencións do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar o segundo punto da moción.

31-01-2017: Acordo plenario remitido a D. Jorge Pumar Tesouro. Recibido aviso de recepción 5/04/2017.

 

 Documentos: