Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Bulevar Termal foi unha das propostas estrela que o PSdeG-PSOE de Ourense presentou xa no primeiro semestre do ano 2011, unha iniciativa encamiñada a dotar de infraestruturas de comunicación ó proxecto termal da cidade e que convertería a zona na gran avenida urbana da cidade, con acceso limitado de coches en Código 30, con zona arborada, carril bici e aparcadoiros.

O bulevar tería 2 quilómetros de lonxitude, aproximadamente, sobre un treito da N-120 que discorre paralelo á marxe dereita do río Miño e que comunicaría a Zona Termal da Chavasqueira coa de Outariz, con saídas ás distintas instalacións da zona, como son: O Tinteiro, as Pozas do Muíño da Veiga e o futuro Centro de Interpretación de Quintela. Unha solución cuxo obxectivo sería corrixir as dificultades de acceso do actual paseo fluvial, só apto para peóns e ciclistas, e integrar as termas na cidade, ampliando a súa accesibilidade a toda a poboación, ademais de converterse nunha infraestrutura básica para o desenvolvemento balneario e hoteleiro da zona.

É importante salientar a importancia do Bulevar Termal como solución non só aos accesos ao futuro Centro de Interpretación senón tamén como solución ao seu desbloqueo e recuperación da infraestrutura, xa que nel estaba contemplada a construción da escolleira que solventaba o problema de inundabilidade da zona. Outro proxecto estratéxico cunha inversión millonaria que o PP paralizou e converteu nunha escombreira en plena zona termal da cidade.

A firma do Protocolo co Ministerio de Fomento en Novembro de 2011 para asumir a titularidade do ramal sur da N-120 por parte do anterior Goberno Socialista de Ourense presidido por Francisco Rodríguez e co Ministro de Fomento no seu día José Blanco; a adxudicación do Anteproxecto de remodelación do ramal sur da N-120, antiga carretera de Vigo por un importe aproximado de 70.000 € tamén no ano 2011, ou o Proxecto de Remodelación do ramal sur da N-120: Ronda Termal entregado ao Concello de Ourense o 15 de Xaneiro de 2012 (cun custe estimado de execución material de 6.855.110,77 € e un orzamento de licitación de 9.870.674,00 €); foron as primeiras pedras para o desenvolvemento do bulevar termal na cidade.

A idea orixinal paralizada polos Gobernos do PP dende entón era a sinatura dun convenio a posteriori que financiaría íntegramente o Ministerio de Fomento a través da Demarcación Territorial de Carreteras de Galicia, que se había mostrado no seu día “extraordinariamente receptiva” cando se lles presentou dito proxecto, e que incluiría a cesión do vial ao Concello, que o recepcionaría pasando a formar parte do rueiro da cidade.

En Maio de 2013, a Secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, ante as preguntas da deputada do PSOE no Congreso Laura Seara sobre o Bulevar Termal, afirmaba que “non había dispoñibilidade orzamentaria pero que non renunciaban a executalo”.

En Decembro de 2014, o Executivo de Mariano Rajoy cambiaba de postura e manifestaba que non cedería a N-120 ao Concello ata que se executara a Variante Norte, que a principios de este 2016 Fomento sacou a información pública no relativo ao tramo de 1,7 quilómetros entre Eirasvedras e Quintela.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopten os seguintes ACORDOS:

1. Instar ao Goberno Municipal á sinatura urxente do Convenio co Ministerio de Fomento, a través da Demarcación de Carreteiras de Galicia para a cesión de titularidade do ramal sur da N-120 para o futuro desenvolvemento do Bulevar Termal de Ourense.

2. Instar ao Goberno Municipal a poñer en marcha os mecanismos técnicos e económicos para que en coordinación co Ministerio de Fomento se comprometan as partidas económicas necesarias no Orzamento Municipal e nos Orzamentos do Estado para o 2017 e anos posteriores para afrontar a inversión nun proxecto estratéxico e de futuro para a cidade de Ourense como é o Bulevar Termal.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

31-01-2017: Acordo plenario remitido a D. José Cudeiro Mazaira.

31-01-2017: Carta Alcaldía dirixida ao Ministerio de Hacienda y Función Pública en que insta a que se comprometan as partidas económicas necesarias no orzamento do Estado para 2017 e anos posterirores para afrontar o investimento nun proxecto estratéxico e de futuro para a cidade de Ourense como é o bulevar termal. Recibido acuso de recepción 02/02/2017.

31/01/2017: Carta Alcaldía dirixida ao Ministerio de Fomento en que insta a que se comprometan as partidas económicas necesarias no orzamento do Estado para 2017 e anos posterirores para afrontar o investimento nun proxecto estratéxico e de futuro para a cidade de Ourense como é o bulevar termal. Recibido acuso de recepción 02/02/2017.

9/02/2017: Carta do Ministerio de Fomento que comunica o traslado do Acordo aos centros directivos competentes do Minsterio para a súa valoración.

 Documentos: