Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

Exposición de motivos:

          PREÁMBULO

          A realidade da policía local é cambiante e evolucionou ao longo da historia. Se quixéramos buscar antecedentes históricos deste corpo de seguridade, teríamos que remitirnos, case con seguridade a baixa idade media. Nun primeiro momento as labores daqueles precursores eran a escolta dos Gobernadores das provincias, vixiancia nocturna e auxilio da poboación. En ocasións estas tarefas eran compartidas con diferentes figuras (porteiros, andadores dos foros municipais, fiadores...). Foi no reinado de Carlos III e sendo Madrid a vila precursora, cando se unificaron figuras. Dende aquel momento ata os nosos días, a Policía Local foi evolucionando coa sociedade, dotándoselle de medios e de competencias. Evolucionando desde mínimas competencias, só en materia de tráfico, ata as asignadas na Lei de Forzas e Corpos de Seguridade (L.O. 2/1986 do 13 de Marzo), ou en Galicia pola lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locais, que foi modificada neste ano pola lei 9/2016, de 8 de xullo.

          Segundo o recollido na lexislación, a evolución dos corpos de Policía local en Galicia corre parella á das propias administracións locais de que dependen, xa que os municipios desenvolven un importante papel na vida do país galego. Bo exemplo diso é que asumen un protagonismo cada vez máis relevante na loita contra o que podemos chamar a «delincuencia de proximidade». Así, os nosos concellos foron adquirindo, durante estes anos, cada vez máis competencias e responsabilidades, circunstancia na que influíu, ademais doutros factores, a súa condición de administración máis próxima ao cidadán, e da que a Policía local é un bo exemplo.

          A pesares de ter evolucionado e ampliado as competencias, a dotación persoal e material, así cómo a formación e maximización de recursos non evolucionaron nin se ampliaron do mesmo xeito, ou polo menos non no Concello de Ourense.

          DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

          Na policía local de Ourense existen diferentes problemáticas derivadas dunha organización deficiente ou mellorable

• Cuadrante Turno Africano.- Rotación (Tarde, Mañá/Noite)

          O problema fundamental que trae este reparto horario é o incumplimento da directiva europea de 2003 sobre ordenación do tempo de traballo. DIRECTIVA 2003/88/CE "Artigo 3. Descanso diario.Os Estados membros adoptarán as medidas necesarias para que todos os traballadores gocen dun período mínimo de descanso diario de 11 horas consecutivas no curso de cada período de 24 horas". Polo tanto, este turno atenta gravemente contra a normativa básica de seguridade no traballo e coa propia seguridade da cidadanía de Ourense.

          Pero ademáis disto, esta corporación municipal temos coñecemento, a través da recepción de diferentes escritos da utilización do Turno Africano, como medida conductivista onde se premia ou castiga a unhas traballadoras fronte a outras, segundo goces dun maior favor na xefatura e cos mandos superiores.

• Maximización de recursos.- Búsqueda do máximo rendemento

          A ninguén se nos escapa nesta corporación que a policía, así como outros servizos deste Concello, no relativo a dotación de persoal, está nunha situación de precariedade superlativa. Como consecuencia disto, danse realidades pouco desexables, como que as patrullas dos policías sexan unipersoais, é dicir non traballen por parellas. Isto crea unha situación de inseguridade para os efectivos policiais e cremos que é unha imprudencia por parte dos responsables (mandos superiores ou políticos) contraria á lei de Forzas e Corpos de Seguridade.

          A pesar da infradotación do servizo e da necesidade de que as diferentes ofertas públicas de emprego, con prazas de policía vaian adiante, cremos que non se están aproveitando realmente todos os recursos existentes. Temos ao redor de 35 policías da escala básica realizando tarefas dentro da xefatura, que se ben algunhas delas son necesarias, outras moitas son totalmente prescindibles. Destínanse ao redor dun 35% dos efectivos a labores que poderían ser feitas por outro tipo de funcionarios "non policías". A realidade é que xa temos ao redor de 10 funcionarios "non policías" traballando en tarefas de administración ou xestión dentro da xefatura. En total temos 45 funcionarios realizando unha labor "de oficina" dentro de dependencias policiais.

          Dos 35 policías da escala básica realizando tarefas dentro da xefatura, moi poucos están en idade de gozar dunha segunda actividade, é dicir non teñen máis de 58 anos, cuestión pola que sería entendible que non traballasen na rúa. Deste xeito, dase a contradición de ter policías patrullando sos polas rúas e deixando moitas zonas da cidade desatendidas, e ter efectivos policiais de 47,45, 39,33 anos traballando dentro dunha oficina.

• Suprimir a presenza dos axentes de policía dentro do guindastre.

          Entendemos que non é unha boa praxe que os efectivos da policía local realicen a súa labor dentro dun vehículo dunha empresa privada, aínda que esta empresa estea ao cargo dunha concesión municipal.

          Presupoñendo boa vontade, aínda que mala praxe, a este método de actuación, entendendo que busca a pronta reacción ante unha infracción, cremos que existen alternativas a esta opción. Unha delas sería que os guindastres permanezan estacionados en lugares estratéxicos do casco urbano e acudan ao requirimento dos axentes, ao lugar onde sexa preciso.

          Esta cuestión non nos parece menor, xa que existen perigos asociados a esta mala práctica, incídese no risco sobre a seguridade do policía e da propia cidadanía. Deste xeito, a atención cidadá tamén se ve mermada nesta cuestión. Ademáis de sancionar os coches mal estacionados, os policías deben prestar o servizo habitual na zona e compaxinar ambas tarefas, aínda que non sempre resulta sinxelo. O tempo de espera para atender situacións de emerxencia alárgase porque os axentes que van nestes vehículos deben ir ao depósito para levar os coches "no que se perden 50 minutos".

          EPÍLOGO

          As cuestións plantexadas nesta moción son de urxente execución. Ter un servizo de policía infradotado, deficientemente organizado e sen maximizar os seus poucos recursos, non favorece a ninguén. Esta realidade perxudícanos a todas as persoas, empezando polos propios policías e rematando por calquera veciño ou veciña do Concello.

          Deben terse en conta estas consideracións no marco actual no que nos atopamos, de debate dun novo cuadrante horario e dun regulamento da policía local, senón calquera disposición nova só afondara en problemas crónico sen solucionalos.

          ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que se leve a cabo unha maximización de recursos na policía, evitando que efectivos que sen ter recoñecida a segunda actividade, realicen labores exclusivamente dentro da xefatura da policía.

2.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que se implementen criterios obxetivos na asignación de servicios.

3.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que se modifiquen os turnos de horarios da policía, segundo o establecido na normativa europea.

4.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que se suprima a presencia dos axentes da policía local dentro do guindastre.

 

          O Pleno do Concello por catorce votos a favor dos grupos municipais do PSdeG-PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común, e dez votos en contra do grupo municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

          11-01-2017: Acordo plenario remitido a D. Francisco Carlos Campos San Martín. Recibido acuse de recepción 11-01-2017.

 

Acordo 2-12-2016 (pdf)