Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

Exposición de motivos:

         O 4 de maio de 2005, gobernando a cidade Manuel Cabezas, o actual presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, entón conselleiro de Política Territorial, desprazouse a Ourense co obxecto de presentar o Plan da Xunta para a Integración da Alta Velocidade, un prantexamento que contemplaba o uso da actual liña por San Francisco e As Lagoas, viaducto incluído, ata chegar á Estación Empalme, á que engadiría unha central de autobuses para garantir a súa intermodalidade.

         Feijóo e Cabezas presentaron aos medios de comunicación uns bocetos e debuxos mostrando unha locomotora do AVE circulando a través duns semitúneles nas inmediacións do CHUOU, de San Francisco ou das Lagoas. O trazado discorría polo centro da cidade e non iría nin sequera soterrado, tan só se cubrirían as liñas cunha estrutura que impediría a súa visión directa dende os edificios cercanos. Pasarelas peatonais e escaleiras permitirían o acceso dun lado ao outro das vías para cruzar, por exemplo, dende a Estación de San Francisco á Rúa Serra Martiñá. Incluso precisaban que a proximidade do túnel de San Francisco e o viaducto do Miño non permitían o soterramento das liñas.

        En febreiro do 2006, o Ministerio de Fomento e o Concello ratificaban a integración do AVE mantendo “as liñas nos seus corredores actuais, tanto en planta como en alzado”.

        O 24 de Xaneiro de 2008, o entón Alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez acadaba o acordo co Ministerio de Fomento para transformar o anterior percorrido que ía deixar dividida para sempre a cidade e convertelo no gran proxecto de integración exterior. O Goberno progresista da cidade conseguía unha inversión de 577 millóns de € co novo proxecto frente aos 60 millóns previstos polo anterior Goberno. Tratábase do orzamento máis grande a inverter en infraestrutura pública na cidade e do proxecto colectivo máis importante da historia de Ourense, que grazas á nova negociación multiplicaba por 10 a inversión prevista polo anterior Goberno do PP.

         En Abril de 2013, o propio Grupo Municipal do PP no Concello de Ourense cambiaba de postura e apostaba a través dunha moción pola variante exterior de Entrada do AVE na capital acadada polos socialistas e que quedou ratificada no Protocolo para Integración do AVE asinado no ano 2011 polo Concello e o propio Ministerio de Fomento.

         A nosa sorpresa, en datas recentes foi ler nos medios de comunicación, que “a Xunta de Galicia prioriza que o AVE chegue en 2018, con ou sen variante de Ourense” e que Feijoo pediu a ADIF que se centrara no compromiso de reducir o tempo de viaxe.

         Tendo pendente de ditame medioambiental o percorrido entre Seixalbo e Taboadela ata o 2017 e habendo desbloqueado o Ministerio de Medio Ambiente o tramo Ourense-Seixalbo tralo problema de ubicación de vertedoiros, para nós é preocupante que as présas poidan facer que novamente o Presidente da Xunta de Galicia dubide en renunciar á Variante Exterior do AVE co único fin de sacar rentabilidade electoral dunha inauguración máis próxima, e poida tentarse sacar do baúl dos recordos o antigo proxecto que divide e fractura a cidade.

       Cremos que se trata dun asunto transcendental para o futuro desenvolvemento da cidade, que conta co consenso social e institucional suficiente, e que non se debe renunciar á mesma baixo ningún concepto.

          Por este motivo, este Grupo Municipal presenta neste Pleno para a súa aprobación as seguintes propostas de ACORDO:

1. Instar dende esta Corporación Municipal á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a que se comprometan e garantan o desenvolvemento da Variante Exterior do AVE tal e como está proxectada como proxecto estratéxico para o futuro desenvolvemento da nosa cidade.

           O Pleno do Concello por vinte e tres votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular, PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana, e tres abstencións do grupo municipal de Ourense en Común, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 11-01-2016: Acordo plenario remitido a D. José Cudeiro Mazaira. Recibido aviso de recepción 17/01/2017

13-12-2016: Carta instando á Xunta e ao goberno central a que se comprometan e garantan o desenvolvemento da Variante Exterior do AVE tal e como está proxectada como proxecto estratéxico para o futuro desenvolvemento da nosa cidade, remitida ás seguintes persoas:

                                                              - Presidente da Xunta de Galicia, don Alberto Núñez Feijóo

                                                              - Ministro de Fomento, don Íñigo de la Serna Hernáiz

                                                              - Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, dona Ethel Mª Vázquez Mourelle

                                                              - Secretario General de Infraestruturas, don Manuel Niño González

Documentos: