Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

Exposición de motivos:

          A Asociación de Persoas con Dano Cerebral Adquirido de Ourense (RENACER) leva anos defendendo a dignidade e os dereitos das persoas con este dano cerebral, apoiando ás familias para acadar melloras en condicións de vida destas persoas, promovendo a integración escolar, laboral e social destas persoas e creando as condicións para que se poida cumprir adecuadamente esta misión, para finalmente promover actitudes sociais positivas de cara á vida para todas elas.

          Esta Asociación presta atención en Ourense a só un número próximo a 50 persoas ata o momento, por falta de espazo, e pertencen á mesma un total de 150 familias. Todos eles se vén obrigados a empezar novos proxectos de vida como consecuencia das secuelas resultantes da lesión, polo que é especialmente importante garantir o seu dereito a vivir dignamente. Aínda que a realidade coa que se atopan dende a Asociación é que existe unha evidente escaseza de servizos e apoios institucionais para normalizar a vida destas persoas.

          Por este motivo, recentemente nos facían chegar a súa necesidade de contar cunha sede propia, máis ampla, onde poder ofrecer máis servizos e dar cabida a máis xente, xa que actualmente contan con lista de espera, e así poder dar unha atención máis globalizada a tódolos afectados e ás súas familias na cidade.

          Tamén directamente relacionado con este colectivo e os seus afectados está outra demanda de especial relevancia para a nosa cidade como é a dotación dunha Unidade Específica de Ictus para o CHUOU. Dado que na actualidade só existen en Galicia dúas Unidades deste tipo, en Vigo e en Santiago, e outra formándose en A Coruña, e que residimos nunha zona cun alto índice de patoloxía cerebrovascular, principalmente no ictus isquémico, e somos unha das provincias máis envellecidas de Galicia, con case un 30 % de poboación maior de 65 anos; cremos que se fai especialmente necesaria, ademais de que está demostrado que diminúe a morbimortalidade e mellora a calidade de vida dos afectados por esa patoloxía.

          Por este motivo, este Grupo Municipal presenta neste Pleno para a súa aprobación as seguintes propostas de ACORDO:

  1.  Instar ao Goberno Municipal a que proceda a iniciar un procedemento administrativo de maneira urxente para a dotación ou cesión dun local para a Asociación Renacer na cidade co fin de que poidan prestar unha atención máis globalizada ás máis de 100 persoas e ás familias que forman parte da mesma, dacordo coas necesidades reais da poboación a nivel provincial.
  2. Instar á Xunta de Galicia a que proceda á creación dunha Unidade de Ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense polo aumento significativo de paciente anuais con esta patoloxía que requiren unha atención especializada na nosa cidade.
  3.  Instar ao Goberno Municipal a que proceda a redactar e presentar unha proposta de convenio á Asociación RENACER para o vindeiro ano 2017, comprometendo ademais unha partida orzamentaria a tal efecto.
     

          O Pleno do Concello por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

11-01-2017: Acordo plenario remitido a Dª Sofía Godoy Gómez-Franqueira. Recibido acuse de recepción 11-01-2017.

13-12-2016: Remitida carta a don Alberto Núñez Feijoo, Presidente da Xunta de Galicia, instando á Xunta de Galicia a que proceda á creación dunha Unidade de Ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense polo aumento significativo de pacientes anuais con esta patoloxía que requiren unha atención especializada na nosa cidade.

13-12-2016: Remitida carta a don Jesús Vázquez Almuiña, Conselleiro de Sanidade, instando á Xunta de Galicia a que proceda á creación dunha Unidade de Ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense polo aumento significativo de pacientes anuais con esta patoloxía que requiren unha atención especializada na nosa cidade.

 

Acordo 02-12-2016 (pdf)