Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

O informe de análise de risco do arboredo na praza de San Marcial, coñecido na mañá do 24 de agosto na Concellería de Medio Ambiente, recomenda unha intervención preventiva que evite situacións de risco. Logo dun estudo pormenorizado de cada un dos elementos, o informe realizado pola empresa concesionaria das zonas verdes de Ourense propón a tala de catro das árbores -a maiores dos dous que xa foran apeados o pasado luns-, xa que se atopan en estado de podremia, e unha poda de seguridade do resto das árbores para evitar riscos sobre a poboación e as cousas.

A empresa concesionaria realizou unha revisión completa da praza comprobando un deterioro dos exemplares. O conxunto de plátanos (platanus hybrida) foi obxecto de podas severas ao longo da súa vida, o que unido á lonxevidade dos mesmos debilitaron a fisioloxía e estrutura, dando lugar a unha serie de enfermidades que acentúan aínda máis o risco de caída. Polo tanto, realiza unha serie de recomendacións: talar as árbores máis deterioradas (4) e realizar podas de seguridade eliminando as pólas danadas equilibrando o peso da árbore.

O Concello de Ourense procederá, este luns, á tala selectiva e á poda de seguridade das árbores sinaladas no informe por criterios de seguridade. Ademais, a medio prazo, procederá á súa substitución por especies máis axeitadas á contorna urbana e orientadas a un desenvolvemento sostible, atendendo tanto a criterios urbanísticos coma medio ambientais.

Por motivos de seguridade, a praza seguirá pechada ata entón.

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.