Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

Logo do Festival Pórtico do Paraíso, a música volta cun un dos concertos máis esperados da tempada o ciclo Enclave de Cámara. Unha das grandes promesas da música clásica actual, o pianista sevillano afincado en Berlín Juan Pérez Floristán. O protagonista do día impartirá ademais, ás 16 horas no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, unha charla para o alumnado do mesmo e público xeral.

O recital que propón é unha viaxe desde o intimismo que amosa “Anos de peregrinacións” de Listz, o desalento vital que transmite a Sonata nº 2 de Chopin ate a renovación musical que ofrece “Cadros dunha exposición” de Mussorgski a través do virtuosismo deste novo talento.

Gañador do Primeiro Premio e Premio do Público no Concurso Internacional de Piano de Santander “Paloma O'Shea” 2015, primeiro gañador español desde 1978, que gañara por segunda vez José María Colom; Primer Premio no Concurso Steinway de Berlín 2015 e o Premio honorífico á súa traxectoria de Xuventudes Musicais de Madrid, Juan Pérez Floristán é xa un referente entre as novas xeracións de músicos españois e europeos.

En pouco tempo ten feito o seu debut nas principais capitais de España e Europa, entre outras en Madrid, Sevilla, Córdoba, Málaga, Pamplona, Las Palmas, París, Berlín, Hamburgo, Varsovia, Moscova, San Petersburgo e Malmö, ou os recentes concertos en Londres, Zürich, Múnic ou Abu Dabi desta tempada. Ten tocado con orquestras como a Sinfónica de San Petersburgo, Malmö Symphony Orchestra, Orquestra da Radio Televisión Española, Real Orquestra Sinfónica de Sevilla, Orquestra Filharmónica de Gran Canaria, Orquestra Sinfónica de Málaga, Orquestra Sinfónica de Córdoba, Orquestra Andrés Segovia, Xove Orquestra Nacional de España. Sendo dirixido por mestres como Pablo González, Marc Soustrot, Adrian Leaper, Juan Luis Pérez (seu pai), Lorenzo Viotti, Christian Arming, Pedro Halffter, Salvador Brotons, Víctor Ambroa, Antoine Marguier e Rubén Gimeno.

O seu grupo

Comprometido co mundo da música de cámara, mantén unha formación estable (Trío VibrArt) con Miguel Colom e Fernando Arias, formación que ten recibido consellos entre outros de Menahem Pressler e Kennedy Moretti, este último que nos visitará para o peche desta tempada. Aínda que esporádicas, tamén son moi importantes as súas colaboracións con músicos da altura de Abel e Arnau Tomás (integrantes do Cuarteto Casals), Adrien Boisseau (actual viola do Cuarteto Ébéne), Pablo Barragán (clarinete) e Dietrich Henschel (tenor). Tamén participou en encontros de música de cámara tan prestixiosos como o Festival de Verbier, o Encuentro de Música e Academia de Santander e o Festival de Les Arcs, onde tocou co recoñecido Fine Arts Quartet.

Os seus compromisos futuros inclúen desde unha Liederabend na Toscana ate concertos con orquestra e recitais en EEUU (California, Miami...) xiras por Latinoamérica con presentacións en México, Uruguai, Panamá, Costa Rica, Brasil; re-invitacións en París e no Festival Beethoven de Varsovia, onde actuou no 2015.

En canto ao seu desenvolvemento pianístico, fórmase durante os seus primeiros dez anos de aprendizaxe coa súa nai, María Floristán (a súa principal mestra e mentora), comeza a entrar en contacto con grandes personalidades da música: Daniel Barenboim, Nelson Goerner, Ana Guijarro, Claudio Martínez-Mehner, Menahem Pressler... No entanto, será outra profesora a que, durante catro anos, se encargue de el na Escola Superior de Música Reina Sofía, marcándolle o camiño profesional de forma definitiva: Galina Eguiazarova.

Mención á parte merece Elisabeth Leonskaja, que, desde que a coñeceu demostrou non só ser unha artista excepcional, senón tamén unha persoa comprometida coas novas xeracións de pianistas de forma entregada e totalmente desinteresada, unha axuda inestimable tanto na súa carreira como no seu crecemento persoal e artístico, invitándoo a festivais como o Ruhr Klavier Festival en Alemaña (onde tocou en calidade de Stipendiant da edición 2012, coa conseguinte gravación ao vivo dun CD) ou o Sommets-Musicaux de Gstaad, Suíza.

Actualmente, aos seus 23 anos, vive en Berlín, continuando a súa formación na Hochschule für Musik “Hanns Eisler” con Eldar Nebolsin, a súa maior influencia hoxe.

Máis información

Páxina oficial de En Clave de Cámara

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.