Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

O Concello de Ourense segue a avanzar nas políticas formativas e de lecer para a mocidade. O Espazo Lusquiños, convertido “nunha dinamo creadora e dinamizadora”, en palabras do alcalde, Jesús Vázquez, vén de presentar senllas iniciativas a prol dos músicos emerxentes: o primeiro álbum recompilatorio LSQ-1, e o taller de gravación.

O primeiro será presentado este xoves ás 20:30 horas no propio espazo da avenida de Marín coa actuación das bandas Clockwork e Roswell, así como dunha jam session coas bandas participantes no CD e diferentes actividades como graffiti, cócteles sen alcohol... e o apadriñamento de Charly Domínguez, baixo de Los Suaves.

As bandas deste primeiro volume -”tras o que virán moitos máis”, como aseguraba a concelleira de Xuventude, Sofía Godoy- foron escollidas por un adestrador musical orientando co metrónomo, afinación e axustes nos tempos das súas composicións. De todos, resultaron elixidos nove para participar con un ou dous temas no LSQ 1 cos parabéns do rexedor: “vedes neste volume a recompensa ao voso esforzo”, dixo. Así, o álbum contén temas das bandas ourensás The Wolves (pop), Connectica (pop), As roucas (tradicional), Mamuxos (tradicional), Roswell (rock), Proudhom (metal), Gorilas a pilas (punk/rock), Que fuentes?! (funk), e Clockwork (rock)

Taller de gravación

Unha das prioridades dos locais de ensaio do Espazo Lusquiños, “todo un exemplo de participación” a ollos do alcalde de Ourense, é fomentar a creación, a permanencia e a durabilidade no tempo de grupos de música da cidade. Para iso, o Concello porá á súa disposición un espazo totalmente equipado no que poder ensaiar e compoñer as súas pezas e, en definitiva, fomentar que logren unha identidade e estilo propios e se consoliden como formación musical.

Así, os grupos noveles terán a oportunidade de contar cun lugar de experimentación e primeira toma de contacto cun estudo de gravación, no que haberá unha persoa encargada do son pero tamén formando as novas bandas para acudir no futuro a un estudio profesional con vimbios sólidos. O prazo ábrese o 15 de maio e as bandas deberán solicitalo a través do formulario da web do Espazo Lusquiños, onde terán toda a información necesaria para facelo.

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.