Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

A Xunta de Gobero Local adxudicou na súa sesión deste xoves, 29 de decembro, a execución das obras do proxecto básico e de execución do edificio para o traslado provisional dos postos da Praza de Abastos nº1. Serán realizadas pola UTE Petrolam Emergis Alameda (Petrolam Infraestructuras SL – Emergis Construcción SL), por un importe de 659.934 euros IVE incluído.

A empresa terá 4 meses para a execución da obra, e o inicio dos traballos realizarase unha vez asinado o contrato e a acta de replanteo. “Trataremos de axilizar os trámites -asegurou esta mañá o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez- para que o inicio dos traballos sexa canto antes. É dicir: durante o inicio do ano 2017”.

A xunta de goberno local abordou un total de 21 asuntos, entre eles un convenio de colaboración con AFAOR por importe de 21.000 euros, a adxudicación definitiva do deseño e produción das carrozas para a Cabalgata de Reis, e aprobou o incremento do 1% no complemento específico dos traballadores municipais, que é a actualización prevista na Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

Sentenza

A Xunta local deu conta tamén dunha sentenza ditada polo Xulgado de menores numero 1 de Ourense, pola cal declarou culpable dun delito de danos a un veciño menor de idade polos destrozos nunha baixada de augas no Complexo Deportivo de Oira.

Imponlle, como pena, asistir a un centro de día durante 4 meses e a indemnizar o Concello de Ourense, como responsable civil directo e solidariamente aos seus pais, con 59 euros.

Licenzas urbanísticas

Concedéronse 7 licenzas urbanísticas, unha delas á Consellería de Política Social para executar as obras do proxecto de substitución da cuberta do centro educativo de menores da Carballeira, na Praza da Legión, cun orzamento de execución material de 77.784,69€.

Tamén se aprobou a prórroga por un ano do contrato das póliza de seguros de vehículos a motor do Concello, por importe de 34.260 euros, e a ordenación das ofertas para os servizos de mantemento das aplicacións corporativas de Recursos Humanos e das de Tesourería, Facenda e Recadación, Multas e Participación Cidadá.

Expediente de responsabilidade contra Cespa

Abordouse tamén a caducidade do expediente de responsabilidade contractual contra Cespa Jardinería en xuño deste mesmo ano polo incumprimento dos servizos de mantemento das zonas verdes de Ourense (foille adxudicado en xunta de goberno local en setembro de 2013 por importe de 395.646,64 euros).

Esta declaración de caducidade a marca a lei, debido a que transcurriron os prazos legalmente establecidos para a tramitación dos expedientes, e que neste caso son moi breves (3 meses), habida conta da complexidade do expediente e da cantidade solicitada (395.646,64 euros).

Iníciase, pois, un novo expediente de responsabilidade contractual e dáselle á empresa un prazo de 10 días apara realizar as alegacións que estime oportunas.

Cabalgata de Reis

Por outra banda, adxudicouse o servizo de deseño e produción de carrozas para a cabalgata de Reis 2017. Logo de ter por desistido e excluír do procedemento a dúas empresas será CA TOTALITY GROUP, S.L.U. a que realice este servizo por un total de 24.321,00 euros (IVE incluído).

Co deseño e produción das Carrozas e coa animación aprobada o pasado día 15, complétase a contratación da Cabalgata, que contará con 5 carrozas, e unha liña estética e temática unitaria baseada no tema 'Os Reis Máxicos, astrólogos e adiviños'. Haberá preto de 300 participantes, contando cos figurantes, repartidos en 10 animacións.

Aprobouse un convenio de colaboración coa "Asociación Cultural Deportiva de Propietarios de Mascotas de Ourense (APMOU)” para o desenvolvemento do programa de Educación e Terapia Asistida por cans por importe de 4.000 €.

Asuntos aprobados fóra da orde do día

Fóra da orde do día, a Xunta Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e AFAOR, asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias de Ourense, como entidade de iniciativa social que presta importantes servizos na cidade a persoas que sufren estas enfermidades. O Concello achegará unha cantidade de 21.021 euros á asociación, para o desenvolvemento dos servizos de obradoiros de estimulación cognitiva e axudas técnicas dirixidas á mellora da atención das persoas afectadas por alzheimer e outras demencias neurodexenerativas.

E o último asunto abordado foi a adxudicación das obras do proxecto básico e de execución do edificio para o traslado provisional dos postos da Praza de Abastos nº1. A empresa adxudicataria é a UTE Petrolam Emergis Alameda (Petrolam Infraestructuras SL – Emergis Construcción SL), por un importe de 659.934 euros IVE incluído

Trátase dun edificio provisional, facilmente desmontable e reversible, para o traslado provisional dos postos de venda da Praza de Abastos número 1 durante a execución das obras de reforma do mercado municipal, que durará 22 meses. Será un pavillón de estrutura lixeira metálica, formado por pórticos de piares metálicos e dintel de celosía con perfís metálicos. A cuberta é curva con augas cara ambos lados da nave, con cubrición de paneis de chapa lacada.

Emprazarase no paseo central da Alameda, entre bordos de xardíns sen necesidade de desmontar os parterres actuais.Haberá postos de venda nos laterais e centro da nave, con dous corredores de servizo para que o público acceda aos distintos postos. Na entrada desde a rúa Progreso, nun espazo interior cuberto emprazaranse os postos de flores e na parte oeste os locais de servizos, vestiarios e aseos, entre outras dependencias necesarias para o funcionamento da Praza.

Serán en total 1.402,28 metros cadrados de superficie construída e 1.221,92 de superficie útil. Esta estrutura será fácil de desmontar e reversible para que ao remate das obras da Praza, se poida realizar a total reposición do paseo da Alameda á situación actual.

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.