Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

O Concello de Ourense será o anfitrión da xornada de presentación de Geoatlantic, un proxecto de cooperación territorial do Espazo Atlántico que busca promover o uso da enerxía xeotérmica nas comunidades por medio do desenvolvemento conxunto de ferramentas e metodoloxías que permitan a posta en marcha de ecosistemas locais.

Esta xornada de presentación, que se celebrará o mércores 29 de novembro na Sala Marie Curie da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, ten como obxectivo dar a coñecer o proxecto, así como as diferentes actuacións demostrativas que se porán en marcha no marco deste. O evento levarase a cabo en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e comezará cunha benvida, por parte de representantes institucionais do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e a Universidade de Vigo. Posteriormente, terá lugar o relatorio "Loita contra o cambio climático: sustentabilidade e eficiencia dos recursos", da man de Susana Bauo, líder climática da fundación The Climate Reality Project Spain e representante en Galicia.

Despois dunha pausa, darase paso ao relatorio "Potenciando os recursos xeotérmicos locais no novo modelo xeográfico", que correrá a cargo de Belén Sío, directora xeral de Acluxega (Asociación Clúster da Xeotermia en Galicia.) Tras esta, chegará a mesa redonda "Cooperación e enfoque multidimensional na utilización das renovables nas cidades do Espazo Atlántico" na que intervirán representantes da Agence Locale de l'Energie et du Climat (Francia), o Instituto de Inovação Tecnológica dos Açores (Portugal) e a European Heat Pump Association.

Seguidamente, darase paso á presentación do proxecto Geoatlantic, que incidirá no impulso de ecosistemas locais para a transición enerxética e o desenvolvemento das enerxías xeotérmicas nas comunidades e cidades do Espazo Atlántico.

A continuación, comezará a quenda de preguntas e, tras esta, chegará o remate do acto cara ás 14.30 horas, cando se servirá un viño galego.

A xornada está especialmente dirixida a investigadores, físicos, biólogos, ecoloxistas e especialistas en xeotermia que desexen coñecer este novo proxecto e as actividades que se levarán a cabo. Para asistir cómpre inscribirse no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou a través do teléfono 986 419 922.

Geoatlantic: a transición enerxética

O proxecto Geoatlantic conta cun orzamento total de 185 millóns de euros, que inclúe unha asignación financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento rexional (FEDER) superior a 140 millóns. Ten como obxectivo xeral poñer en marcha solucións para responder aos desafíos rexionais no ámbito da innovación, a eficiencia dos recursos, o medio natural e os bens culturais, co apoio ao desenvolvemento rexional e o crecemento sustentable. Así mesmo, busca promover o uso da enerxía xeotérmica nas comunidades por medio do desenvolvemento conxunto de ferramentas e metodoloxías que permitan a posta en marcha de ecosistemas locais favorables, tanto para enerxía eléctrica como térmica.

Neste proxecto participan sete entidades de distintos países europeos: Concello de Ourense e EnergyLab; ITER (Instituto Tecnológico y de Energías Renovables de Canarias); AMCB (Associação de Municipios da Cova da Beira); Centre for Renewable Energy Research (CIENER) do INEGI (Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial, Portugal); Universidade do Porto; Islay Energy Trust-IET; Argyll, Lomond and the Islands Energy (ALIENERGY); Eden Project- EP; Agence Locale de l'Energie et du Climat -ALEC de Francia; Cork Institute of Technology (CIT) de Irlanda; European Heat Pump Association (EHPA), situada en Bruxelas; Associação das Agências de Energia e Ambiente (Rede Nacional de Portugal)-RNAE; e Departamento de Recursos Xeotérmicos da empresa portuguesa Eda Renováveis. Ademais, conta con entidades asociadas que tamén colaborarán co proxecto, como a Secretaría Regional de Energia , Ambiente e Turismo de Açores, a Câmara Municipal de Ribeira Grande de Açores e a Câmara Municipal de Povoação de Açores.

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.