Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

Ourense contará cun novo espazo museístico en San Francisco, con preto de 2.000 metros cadrados de superficie expositiva e un investimento de 1,6 millóns de euros na súa primeira fase por parte da Xunta de Galicia.Conta tamén coa colaboración expresa da Deputación Provincial, logo da reunión do pasado 28 de novembro do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense, onde se acordara levar a cabo no Casco Histórico.

Coa proposta búscase unha intervención que entenda a importancia do lugar e lle dea unha imaxe evocadora do templo preexistente, a antiga igrexa de San Francisco, devolvéndolle ao conxunto monumental a presenza que tivo no seu día, pero nunha linguaxe contemporánea, sen pretender ser unha copia mimética senón unicamente proporcional e simbólica do que un día foi un referente visual e icónico dentro do urbanismo de Ourense.

Será a modo de centro de interpretación dos vestixios patrimoniais de San Francisco, onde tamén haberá cabida para a Arte Medieval da cidade.

O proxecto básico de rehabilitación da Antiga Igrexa de San Francisco forma parte dunha intervención museística desenvolvida en tres fases:

  • Unha primeira fase correspondente á parcela ocupada pola antiga igrexa de San Francisco, que correspondería esencialmente á parte expositiva cuberta do conxunto.
  • Unha segunda fase na que se incorporarán a este espazo museístico a edificación da antiga capela da Venerable Orde Terceira, unicamente na zona ocupada a día de hoxe polo albergue de peregrinos para usos accesorios necesarios para o normal funcionamento do museo (zonas de almacenaxe, aseos, zona administrativa, vestiarios de persoal, etc). Nesta segunda fase tamén se incorporará a zona do claustro de San Francisco como zona exclusivamente expositiva e que non require de ningún tipo de intervención.
  • Unha terceira fase na que se incorporará a parte restante da capela da Venerable Orde Terceira, ocupada hoxe en día pola escolma de escultura e cuxo uso prevese tamén expositivo cuberto. Estas tres futuras edificacións quedarán comunicadas interiormente e constituirán conxuntamente o Museo de San Francisco.

Memoria descritiva

Tal e como consta na memoria descritiva, trátase da rehabilitación da antiga igrexa de San Francisco para uso museístico, cuxo proxecto básico foi redactado polo arquitecto Roberto González Fernández baixo encargo do Concello de Ourense. O estudo histórico da edificación e do seu conxunto monumental foi realizado integramente polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao.

Posta en valor

A proposta arquitectónica parte basicamente de recoñecer os elementos orixinais trasladados hoxe en día ao Parque de San Lázaro e devolvelos simbolicamente ao seu emprazamento primitivo. Non se trata dunha procura mimética do preexistente, senón dunha posta en valor dos elementos máis representativos que foron trasladados, así como da volumetría e tipoloxía orixinal.
O proxecto non trata de modificar en modo algún a parcela e os restos existentes hoxe en día; simplemente pretende marcar claramente o existente no lugar e completar o volume con materiais e acabados novos. A vontade rehabilitadora pasa por poñer en valor as preexistencias, devolvéndoas ao seu estado orixinal con materiais de acabados aínda recoñecibles como o morteiro de cal e á súa vez empregar materiais novos, en consonancia coa proposta, nas zonas ampliadas.

A parcela onde se pretende a intervención presenta unha fachada de tradición neoclásica que dá continuidade á imaxe do resto do conxunto monumental e que responde a un dos proxectos de transformación do orixinal convento en cuartel. Atravesado o limiar desta fachada neoclásica perduran dous muros lonxitudinais de altura variable, xa que están parcialmente derrubados, que eran os que conformaban a nave central da antiga igrexa, hoxe solar baleiro na súa totalidade.

Reconstruíuse a volumetría da edificación e reinterpretáronse os elementos trasladados, conservando as proporcións do elemento orixinal. Deste xeito, reconstrúense en linguaxe contemporáneo e máis simbólico que mimético, a portada gótica, o rosetón, os arcos de acceso ao altar maior e ás capelas laterais e as esveltas fiestras de fábrica gótica das que se conservan diversos restos nos muros.

En canto ao tratamento do resto de fachada, pretendeuse dotar da verticalidade propia dos templos de tradición gótica mediante o emprego de barrote de madeira en posición vertical que, ao mesmo tempo que dá uniformidade de tratamento ás fachadas desaparecidas, serve de elemento diferenciador nas fachadas existentes, onde se incrementa a altura dos muros actuais.ç

En canto ao interior da proposta, repítese a mesma liña que para a volumetría exterior, pero tendo en conta que o programa e encaixar na nova envolvente non garda relación algunha co uso orixinal. Deste xeito, proponse crear un sistema de bandexas interiores que conforman as dúas plantas altas do edificio que en todo punto sepáranse dos muros preexistentes. A estes muros non se lle aporta máis carga que a orixinal de cuberta e para elo sepáranse os forxados do muro en todo o seu perímetro co obxectivo de conseguir un respecto polos únicos elementos que se conservan da igrexa monacal no seu emprazamento orixinal. Ao mesmo tempo, grazas a esta independencia obtéñense distintos propósitos, como son a conservación de aqueles elementos decorativos existentes e facilitar a comprensión do espazo expositivo creando unha visión vertical da altura total do edificio nada máis entrar, así como visións diagonais entre plantas.

Materiais

A pedra aserrada do solado, a madeira que envolve os novos forxados e o morteiro de cal branco como revestimento dos muros existentes son tres materiais que adquiren maior presenza na definición do espazo interior.

En canto á cor, son o branco e o marrón as cores predominantes en lembranza da Orde Medicante Franciscana, simbolizada no seu hábito marrón e no cordón branco de tres nós.

Na zona exterior da cabeceira preténdese realizar a escavación da cimentación do ábsida e a súa posta en valor. A partires dese punto proponse unha zona exterior que sirva tamén para a exposición de bens adecuados para estar á intemperie.

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.