Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

Todas as áreas de traballo do Concello de Ourense coordinaranse para levar a cabo as accións previstas no Plan de Infancia e Adolescencia. No salón de actos do Centro Cívico da rúa Colón tivo lugar unha xuntanza de traballo convocada pola Concellería de Asuntos Sociais para impulsar a cooperación e coordinación de todas as áreas municipais coa finalidade de garantir a presenza da infancia e da adolescencia en todas as políticas municipais de xeito conectado e coordinado.

A concelleria Sofía Godoy presidiu a reunión, na que participou persoal técnico das áreas de Igualdade, Sanidade, Policía Local, Xuventude, Educación, Medio Ambiente, Voluntariado, Cultura e Deportes. O obxectivo do Concello é crear unha mesa de coordinación coa participación de todas estas áreas como órgano municipal que se encargará de velar polo desenvolvemento do Plan.

Protagonismo e protección

Consciente de que a infancia e a adolescencia é un colectivo social necesitado de actitude protagónica e de especial protección, o Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais, iniciou a elaboración dun instrumento de carácter integral e transversal que marque o rumbo das políticas municipais para este colectivo.

É o I Plan de infancia e adolescencia do municipio, que segue as directrices marcadas por Unicef, entidade coa que o Concello asinou un convenio no que recoñece a Ourense como “Municipio Aliado do Programa de Cidades amigas de infancia”. Isto supón o compromiso de traballar nas liñas marcadas por UNICEF de facer efectivos os dereitos recollidos na Convención de Dereitos da Infancia, co obxectivo de acadar o recoñecemento do selo de Cidade Amiga da Infancia.

O Plan comezou coa realización dunha diagnose ou informe de situación para coñecer a realidade social da infancia e a adolescencia no municipio, feito a través dun proceso de carácter participativo no que se deu voz a nenas e nenos e se pretendeu a implicación dos diferentes axentes sociais e institucionais (Vicerrectorado, centros educativos, diferentes xefaturas territoriais da Xunta de Galicia, Fiscalía de menores, centros de menores, asociacións culturais, sindicatos, ANPAS, asociacións do ámbito social, entidades xuvenís, veciñais, de muller e Colexios profesionais de importancia neste ámbito como o de Educadores sociais, traballo social e de psicoloxía).

Todo isto para detectar o grao de coñecemento e satisfacción coas políticas municipais neste ámbito e percibir necesidades e demandas de actuación.

A metodoloxía incluíu a posta á disposición da cidadanía dunha serie de cuestionarios de participación, deseñados ao efecto para menores e persoas adultas, e elaboráronse formularios específicos para entidades e colectivos sociais, mantivéronse xuntanzas con estes, consultouse normativa sectorial e Plans de infancia e adolescencia doutras cidades e realizáronse entrevistas tamén con diversos servizos municipais para acadar unha visión xeral de todos os programas, proxectos e accións que se realizan “pro infancia e adolescencia”.

Coordinación municipal

Agora, o obxectivo do Concello é avanzar na coordinación municipal: cada concellería, desde a mirada temática de cada unha de elas promove programas, proxectos ou accións en relación á infancia e adolescencia, mais percíbese como necesario poder ter un mapa claro e concreto, una visión de conxunto de todas esas acciones aplicadas á infancia e á adolescencia e poñelas en común: ver que é o que se demanda pola cidadanía e falta e coordinar a execución.

O Concello constituirá unha mesa de coordinación na que participarán representantes de todas as áreas municipais, que será o órgano que busque estes obxectivos, e impulse a presenza da infancia e a adolescencia en todas as políticas municipais de modo conectado e coordinado.

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.