Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

O Concello de Ourense acudirá a Madrid a vindeira semana para promocionar a nosa cidade na Feira Internacional de Turismo Fitur. Así o informou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos tratados na xunta de goberno local. O vindeiro mércores 18 de xaneiro ás 13:30 horas “presentaremos actos innovadores e chamativos para difundir a imaxe turística de Ourense e posicionar a nosa cidade como un destino perfecto para escapadas”, en palabras de Vázquez Abad.

 

No marco de Fitur, o Concello aproveitará para difundir a campaña Ourense, un plan perfecto entre empresarios da capital, así como para manter contactos orientados á captación de novos visitantes. Tamén se falará das posibilidades de paquetes turísticos, incluíndo os trens especiais que percorren a nosa xeografía, pero tamén eventos que convertan Ourense en centro de recepción de profesionais. Tal é o caso de Termatalia e do salón gastronómico Xantar, presentacións ás que tamén acudirán representantes do Concello de Ourense co gallo de posicionar a cidade como destino de congresos.

Ourense contará ademais cun stand propio en Fitur no que a Concellería de Turismo e Termalismo porá en coñecemento do sector profesional e tamén dos visitantes da feira a oferta termal, gastronómica e cultural da nosa cidade.

O alcalde deu conta doutros asuntos tratados na xunta de goberno local.

Xurídico

No apartado xurídico, 3 resolucións xudiciais e 5 personamentos. O primeiro asunto foi unha sentenza do contencioso-administrativo número 2 de Ourense na que desestima unha reclamación dunha comunidade de propietarios sobre uns deslindes realizados polo Concello nas traseiras da Avenida de Marín. A sentenza, que non é firme, vén darlle a razón ao Concello e condena en costas os demandantes.

A mesma sala denegou, nun auto, a demanda do SERGAS de deixar sen efecto a anulación da licenza de ocupación do centro de saúde. Pedía a administración autonómica empregar o edificio namentres non tivese licenza de ocupación, pero o xuíz denegou esa posibilidade. O auto non é firme, e contra el poderase interpoñer recurso de apelación. A terceira resolución foi unha sentenza da Sala do Social do TSXG en relación a un asunto de persoal. Trátase dun despedimento que xa fora considerado nulo, pero que rebaixa de 72 a 68,04 euros o salario diario fixado no fallo.

A partir de aquí, os personamentos: O primeiro deles, relativo a unha demanda dun grupo inmobiliario por unha liquidación de plusvalías do Tribunal Económico, mesmo caso doutro personamento, desta vez por unha herdanza. Os tres restantes son por asuntos de persoal: Os dous primeiros ante pola demanda de dúas traballadoras, arquitecta e aparelladora, que reclaman a antigüidade e os trienios. O terceiro, por un ex traballador municipal que reclamou o seu despido polo xulgado do social e agora inicia de novo o proceso a través da vía contencioso administrativa.

Aperturas

Aprobouse conceder licenzas para unha escola de danza e formación artística (en Pena Trevinca) e para unha academia de estudos non regrados (en Celso Emilio Ferreiro). Tamén se desestimou un recurso de reposición por un particular contra o acordo de XGL de 10 de novembro de 2016, no que se lle denegou licenza para adaptación de local para café-bar na rúa Remedios atendendo a informes técnicos e xurídicos.

Contratación: Adxudicouse o arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á Asociación de Veciños Portovello – As Lagoas, na praza Daniel González núm. 4, por un importe de 5.242,45 euros/anuais, por ser a única oferta presentada e cumprir con todos os criterios dos pregos de condicións.

Limpeza

Xa fóra da orde do día, a xunta de goberno corrixiu un erro no prego para contratar o Servizo de Limpeza de Edificios Municipais. “Unha cifra no número de persoal a subrogar na vindeira concesión”, explicou o alcalde.

Asuntos Sociais

Finalmente, a xunta de goberno informou do proxecto Anxela no que está a colaborar o Concello de Ourense, destinado a mulleres embarazadas e nais recentes (con fillos de ata 3 anos de idade) en circunstancias difíciles ou de especial vulnerabilidade. O programa, que está a desenvolver a asociación RedMadre en colaboración co Concello de Ourense, participan 20 mulleres xunto ás súas parellas e fillos, e ten unha duración de tres meses prorrogables a outros tres.

Unha educadora social, unha psicóloga e cinco voluntarios son o persoal adicado a este apoio ás nais. En canto aos medios materiais, están a colaborar o Banco de Alimentos, ou a Rede de Farmacias Colaboradoras que doan cueiros.

A través do proxecto ReChupete recóllense ademais enseres para nenos pequenos doados por familias e no que participan voluntarios da Asociación APES, internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar e a asociación RedMadre, que os entrega ás nais. Logo da recollida de datos e creación do historial, determínanse as necesidades materiais e temporízanse as achegas precisas, avaliase mensualmente a evolución da situación persoal das usuarias.

O Concello de Ourense resérvase o dereito a comprobar a identidade do remitente antes de proceder a responder á mensaxe. Ao enviar a consulta, está aceptando a Política de Protección de Datos de Carácter Persoal indicada na Nota Legal deste sitio web. Indicarlle que recibirá a consulta realizada na conta de correo electrónica indicada no formulario. Grazas pola súa colaboración.