Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Concello

Nos artigos do 12 ao 14 do Regulamento orgánico de participación cidadá (Capítulos II e III) regúlase o dereito de petición e o dereito de participación dos veciños e entidades cidadáns nos órganos do Concello. Nestes artigos indícase literalmente:

CAPÍTULO 2.- DO DEREITO DE PETICIÓN.

Artigo 12.- Titulares e obxecto do dereito de petición.

  1. É o dereito que teñen tódalas persoas físicas ou xurídicas a formular solicitudes ao Concello en materia da súa competencia e pedir aclaracións sobre as actuacións municipais.
  2. Tódalas persoas, físicas ou xurídicas domiciliadas en Ourense, de forma individual ou colectiva, poden exercer o dereito de petición, nos termos e co alcance previsto na normativa de desenvolvemento do artigo 29 da Constitución (actualmente recollida na lei 4/2001 reguladora do dereito de petición) sobre calquera asunto ou materia de competencia municipal.
  3. As peticións poden incorporar suxestións ou iniciativas.
  4. Non son obxecto deste dereito, nin se poderán admitir peticións, suxestións, queixas ou reclamacións que se amparen nun título específico diferente ao derivado do dereito fundamental de petición establecido no mencionado artigo 29 da Constitución, nin as que fagan referencia a materias para as cales o ordenamento xurídico prevea un procedemento específico distinto ó do dereito de petición.

Artigo 13.- Forma de exercitar este dereito.

  1. Exercerase por escrito, podendo utilizarse calquera medio, mesmo de carácter electrónico, que permita acreditar a súa autenticidade, e incluirá a identidade do solicitante, o lugar ou o medio elixido para a práctica de notificacións, o obxecto e o destinatario da petición.
  2.  No caso de peticións colectivas, ademais dos requisitos anteriores, serán asinadas por tódolos peticionarios, debendo figurar xunto á sinatura, o nome, apelidos e D.N.I. de cada un deles.
  3. A presentación do escrito, a admisión e tramitación das peticións, así como a resolución das mesmas, que deberá notificarse no prazo máximo de tres meses dende a súa presentación, axustarase ao previsto na normativa reguladora do dereito fundamental de petición.
  4. O Concello atenderá a petición, e se non procedera á súa admisión motivaráo comunicándollo ao peticionario nun prazo máximo de 3 meses. Son causas de inadmisión:
    a) Insuficiencia da acreditación do peticionario.
    b) O obxecto da petición non é competencia do Concello.
    c) A petición ten un trámite administrativo específico.
    No primeiro caso daráselle un prazo de 10 días para corrixir a carencia de acreditación, dándose por desistido se non se fai neste prazo.
  5. Os cidadáns teñen dereito a ser escoitados na tramitación dos procedementos dos cales se manifeste interese lexítimo dacordo co establecido na Lei 30/1992.

CAPÍTULO 3.- DO DEREITO DE PARTICIPACIÓN DOS VECIÑOS E ENTIDADES CIDADÁNS NOS ÓRGANOS DO CONCELLO.

Artigo 14.- Participación dos veciños e asociacións.

Tódolos veciños teñen dereito a intervir directamente ou a través das súas asociacións na xestión dos asuntos públicos mediante a súa participación nos distintos órganos municipais, de acordo co procedemento establecido nas presentes normas.


Artigo 15.- Participación das asociacións de veciños nos órganos colexiados.

  1. Cando algunha das asociacións de veciños inscritas no rexistro do Concello de Ourense desexe efectuar unha exposición ante o Concello Pleno en relación con algún punto da orde do día en cuxa previa tramitación administrativa interveña como interesado, deberá solicitarllo ao Alcalde con suficiente antelación a celebración do Pleno.
  2. Para os efectos do apartado anterior entenderase que son interesados na tramitación administrativa:
    a ) Quen o promovese como titulares de dereitos ou interés lexítimo.
    b) Os que, sen teren iniciado o procedemento, ostenten dereitos que poidan resultar directamente afectados pola decisión que no mesmo se adopten.
    c) Aqueles cuxos intereses lexítimos, individuais ou colectivos, poidan resultar afectados e se persoen no procedemento, sempre que non recaese resolución definitiva.
  3. Logo da autorización do Alcalde, e a través dun único representante da entidade, poderá expoñer o seu parecer durante o tempo que sinale o Alcalde.
  4. O membro da entidade que actúe no Pleno será o que legalmente a represente segundo os seus estatutos, ou aqueloutro membro da súa xunta directiva nomeado expresamente para tal fin. En todo caso deberá acreditar a representación.


Articulo 16.- Presentación de iniciativas polas asociacións de veciños.

  1. A federación e asociacións de veciños inscritas no rexistro do Concello de Ourense, poderán presentar ante o Pleno do Concello iniciativas.
  2. As iniciativas deberán conter un interese xeral, libremente apreciado polo Pleno. Serán motivadas e para o seu trámite terán que ser presentadas por escrito no rexistro xeral do Concello de Ourense con quince días de antelación ao Pleno en que se solicitase incluílas.
  3. A federación e asociación de veciños, a través do seu representante legal debidamente acreditado no momento de presentar a iniciativa, poderán solicitar defender o asunto presentado ante o Concello Pleno, e poderán facelo cando o Presidente o autorice para este efecto.