Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Concello de Ourense súmase ás celebracións do Día do Orgullo LGTBIQ+ cunha mesa informativa emprazada na rúa do Paseo -fronte á sala Valente- de 10:00 a 13:30 horas, e na que se desenvolverá a campaña "Like pola diversidade" que pretende potenciar o respecto á diversidade sexual na rede e contribuír á difusión de contidos que promovan a visibilidade e respecto pola diversidade. Este espazo estará compartido polo centro Quérote + da Xunta de Galicia e polo Concello de Ourense, e no mesmo haberá material informativo para atención e asesoramento ao colectivo LGTBIQ+.

Desde a mesa poderanse mandar mensaxes escritas e gravar pequenos vídeos para difundir nas redes sociais, unha acción directa no eido virtual coa que se busca potenciar as mensaxes positivas por parte da cidadanía ao tempo que pór en valor os dereitos do colectivo LGTBIQ+. A Casa do Concello de Ourense loce, ademais, as cores da bandeira multicolor que tamén estarán iluminando a ponte romana a noite do 27 de xuño desde as 22:00 horas para sumarse ás accións de apoio ao Día do Orgullo.

Campañas de divulgación e educación sexual

O Concello de Ourense solicitoulle ao centro Quérote +, para o inicio do calendario escolar, senllos obradoiros sobre sexualidade e diversidade dentro da programación da Escola Familiar, dirixido a que as familias saiban como orientar, acompañar e axudar os seus fillos na procura da súa madurez sexual e identificando sen complexos a súa orientación sexual.

Tamén desde a concellería de Xuventude, en colaboración co centro autonómico, impartiranse obradoiros sobre identidade sexual: Sexprésate e Divers@s, para mozos e mozas de 14 a 16 anos no marco da programación do Espazo Lusquiños para o inicio do curso académico.