Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Campamento Urbano, organizado pola Asociación Xuvenil Amencer en colaboración coas concellerías de Xuventude e de Voluntariado, chega en 2017 á súa trixésima edición. Do 1 ao 11 de agosto, e aberto á participación de todos os rapaces e rapazas de entre 8 e 15 anos de idade (infantil), está especialmente destinado aos que non poden gozar doutras opcións de lecer en verán por motivos diversos (estudos, nivel económico...).

O Xuvenil vai destinado aos maiores de 15 anos de idade, e desenvolverase en horario de noite. O número de participantes no Campamento Urbano de Ourense foi medrando, dende os 170 rapaces e rapazas da súa primeira edición a unha media de 850 na última edición e, en palabras da concelleira Sofía Godoy, supón “un evento de conciliación e dinamización” sen igual na nosa cidade.

En Ourense vense desenvolvendo o Campamento Urbano Infantil ininterrompidamente dende 1988, constatando unha moi boa acollida por parte da cidade, e unha ampla participación. De feito, “as enquisas recollen unha valoración de 9,2 dos monitores, e de 9 do resto dos compañeiros”, explicaba Manuel Seguín, un dos organizadores, en rolda de prensa.

“O Campamento Urbano planéase como unha proposta educativa coas seguintes características: Aberto para calquera, dende o primeiro día ao derradeiro, dándolle a oportunidade aos rapaces de que se incorporen no momento en que poidan; libre: porque os verdadeiros protagonistas do seu campamento son eles mesmos, sen forzar horarios; gratuíto -potenciando a integración de colectivos desfavorecidos-; urbano, no sentido dunha “Cidade Educadora”; e continuo, xa que as accións que se levan a cabo no Campamento teñen un sentido global”, explicaba Xulio César Iglesias.

Horario

As actividades desenvólvense en horario de mañá de 10:30 h a 13:30 e de tarde 16.30 h a 19:30 h, agás os días de excursión, nos que os nenos e nenas farán o xantar no campamento; e as fins de semana, que non haberá actividade. As actividades das mañás ambientaranse en torno a unha idea ou temática: os deportes, a música e a expresión, a cidade, a ciencia, a boa xente... e se realizaran xogos en diferentes espazos da cidade.

Farase especial insistencia en empregar o maior número de espazos da cidade para realización destas actividades: parques, prazas, instalacións públicas. De forma transversal, introduciranse contidos de coñecemento da cidade, ofertas, servizos, dereitos e deberes dos cidadáns. Polas tardes realizaranse unha oferta libre de actividades, de xeito que sexan os nenos e nenas quen escollan a actividades na que queren participar, como ludoteca, tebeoteca, videoteca, obradoiros, scalextric, piscinas, dardos, deportes....

Os interesados poderan facer a inscrición na sede de Amencer sita no colexio Salesianos, ou na Concellería de Xuventude sita na Praza San Martiño nº 2 – Baixo.