Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro que se encarga da xestión da reciclaxe de residuos de envases de vidro en España e o Concello de Ourense, coa colaboración de Ecourense, porán en marcha a partires do vindeiro martes día 20, un servizo de recolleita porta a porta de envases de vidro. Terá como destinatarios aos locais de hostalería presentes na zona centro e centro histórico da cidade das Burgas.

A campaña presentada polo Alcalde, Jesús Vázquez; o Concelleiro de Medio Ambiente, José Araujo, e por Germán Fernández, Xerente de Ecovidrio en Galicia, facilitará a 268 establecementos hostaleiros da cidade participar comodamente na recollida selectiva de vidro que promove o Concello. Permitirá mellorar o servizo que se lle ofrece e aumentar así a reciclaxe deste material neste sector, que xera un 48% dos residuos de envases de vidro. Isto levará importantes aforros, tanto económicos como ambientais na xestión dos residuos do municipio.

A participación da hostalería ourensá nesta recollida especial foi un éxito, o que evidencia o seu desexo en poder dispor canto antes deste servizo totalmente gratuíto tanto para eles como para o Concello. Así, previamente a esta implantación, técnicos de Ecovidrio realizaron unha enquisa persoal aos hostaleiros da zona para coñecer o seu interese en dispor do servizo á vez que lles ofrecían diferentes tipos de cubos para poder participar.

Un total de 257 establecementos hostaleiros beneficiaranse agora do novo servizo, para o que solicitaron a Ecovidrio case 300 cubos que lles permitirán ir almacenando o vidro no seu local. Logo, operarios da empresa contratada por Ecovidrio, cun vehículo adaptado ao servizo, pasaranse polos establecementos onde os hostaleiros sacarán os seus cubos ao exterior do local e Ecovidrio retiraralles o vidro acumulado cunha frecuencia que se irá adaptando en función da capacidade de xeración de residuos de envases de vidro de cada negocio.

De luns a sábado

O servizo prestarase de luns a sábado en horario diúrno, realizará distintas rutas en función do tipo de actividade de cada local e irase adaptando en función das suxestións ou necesidades dos hostaleiros. Ademais, prestará especial atención á zona de pubs da cidade pola alta xeración de envases de vidro que presenta o sector.

Aqueles hostaleiros que demostren unha participación activa na campaña entrarán automaticamente nun sorteo mensual ante notario dun fin de semana en hoteis balneario ou Pack Experiencias similar, resultando premiados 2 locais da zona. Para iso, iníciase unha campaña de seguimento paralela na que persoal de Ecovidrio visitará periodicamente os locais participantes para coñecer o nivel de satisfacción e solicitar información de interese sobre o servizo que lle permita adaptar a recollida e ofrecer o mellor servizo ao hostaleiro. Esta campaña de seguimento durará tres meses, polo que está previsto que a entrega de premios e a presentación dos primeiros resultados cuantitativos da recollida teña lugar no mes de abril.

Datos de reciclaxe de vidro en Ourense

Segundo os últimos datos dispoñibles, os cidadáns ourensáns reciclaron un total de 1.039.740 quilogramos de envases de vidro en 2015, o que equivale a unha media de case 10 kg de vidro por habitante. Isto supón que cada ourensán reciclou 38 envases de vidro por persoa.

Respecto da taxa de contenerización, Ourense sitúase cunha media de 251 habitantes por colector contando na actualidade cun total de 423 colectores para os residuos de envases de vidro instalados en cada un destes municipios.