Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Concello de Ourense quere promover a reciclaxe dos residuos orgánicos xerados nos fogares da cidade a través da campañaCompostaxe: toda unha vantaxe, realizada en colaboración con Sogama. O obxectivo desta acción, desenvolvida pola área de Limpeza e Xestión de Residuos, é a de reducir o volume global dos residuos producidos no fogar mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe e obter así un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. 

A campaña vai dirixida, nunha primeira fase, a 75 familias da cidade, e comezará a divulgarse a partir de mañá no núcleo de Seixalbo, onde unha carpa na praza Maior en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 15:30 a 17:30 horas pola tarde, achegar toda a información.

Obxectivos

Eliminar ou, cando menos, minimizar o uso excesivo de fertilizantes químicos, reducir o custe económico que se deriva da recollida, transporte, xestión e tratamento dos residuos urbanos, así como recuperar unha práctica tradicional da cultura galega son outros dos obxectivos básicos que se perseguen con esta campaña, sen esquecer a compoñente educativa e de participación cidadá que se deriva desta práctica.

Composteiro gratuito

Os fogares que se inscriban na campaña recibirán de forma gratuíta un recipiente (composteiro) para realizar a compostaxe no fogar, así coma un manual didáctico con formación específica na materia. Do mesmo xeito, o departamento de Limpeza e Xestión de Residuos realizará un seguimento do peso xerados antes e despois de iniciar a campaña nos diferentes fogares.

Que serve para facer compost?

A compostaxe é o proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar converténdoos nun fertilizante estable e de calidade que se denomina compost. Así, da cociña pódense aproveitar os restos de froitas e verduras, cascas de ovo esmiuzadas, os pousos de café, té e infusións, o papel de cociña e servilletas, os arroces, pasta cocida, pan, etc… Mentres que do xardín, serven tanto as follas, flores e plantas verdes ou secas, coma a herba, os restos de poda triturados, as cinzas e serrín de madeira natural, os restos de colleita da horta ou a palla.