Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Concello de Ourense, co apoio de Sogama, ampliará o seu programa de compostaxe doméstica a 200 novos fogares da cidade. Logo dunha exitosa fase experimental, na que participaron 65 fogares da parroquia de Seixalbo, o goberno local aborda unha nova etapa na que estenderá as prácticas de autocompostaxe a 200 novas vivendas unifamiliares. “Con estes pequenos xestos estamos a dar grandes pasos”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa, “separando o lixo de forma selectiva, reducindo o volume de residuos, capacitando a poboación para fabricación de compost a pequena escala e reducindo o emprego de fertilizantes químicos”.

“Ademais de no núcleo de Seixalbo”, dixo o rexedor, “tamén hai ourensáns que xa realizan compost doméstico en Castro de Beiro, Peliquín, Vistahermosa. Estamos, en definitiva, sentando as bases para unha educación ambiental”, afirmou. “Para a compañía que presido”, relataba Javier Domínguez, presidente de Sogama, “é unha satisfacción formar parte de iniciativas que, por encima de todo, velan pola sustentabilidade e ábrennos o camiño cara a un modelo de desenvolvemento máis ordenado, eficiente e con perspectivas de futuro”. Na súa intervención, afirmaba que “o que fagamos hoxe será transcendental para o mañá, e o que fagamos desde a colaboración e nun marco de acción global no que teñan cabida as administracións, as empresas e os cidadáns, será máis produtivo, rendible e beneficioso”.

Horta ou xardín. Condición indispensable é que as novas vivendas que participen no programa conten con horta ou xardín no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica en orixe. Con isto, contribuirá a diminuír as emisións de CO2, xa que se reducirá a frecuencia de recollida e transporte do lixo convencional, diminuirá o importe da factura a pagar a Sogama ao entregar menos residuos a esta entidade pública e, por suposto, propiciará a recuperación dunha tradición no rural, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost, aínda que dunha forma máis cómoda, hixiénica e con maiores garantías.

Neste sentido, cabe recordar que, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, a materia orgánica representa aproximadamente o 42%, polo que a súa reciclaxe in situ supón un gran aforro a todos os niveis, tanto desde a dimensión ambiental como económica, coa particularidade de que tamén se minoran os desprazamentos que os veciños deben realizar aos contedores, xa que materiais como os envases lixeiros, o papel/cartón e o vidro poden almacenarse nas casas varios días sen risco de malos cheiros.

Dotación de medios e seguemento. Do mesmo xeito que na fase anterior, a Sociedade Galega do Medio Ambiente encargarase de subministrar os medios materiais e didácticos necesarios para levar a cabo esta iniciativa. Desta forma, porá a disposición do concello 200 composteiros de 350 litros de capacidade, fabricados con material reciclado e reciclable, así como carteis e manuais divulgativos que serán de gran utilidade para os participantes, tendo toda vez que nos mesmos detállase o proceso a seguir, as preguntas máis frecuentes e dase solución aos erros máis comúns.

Así mesmo, técnicos especializados ao servizo da empresa pública impartirán un curso de formación presencial destinado aos veciños que participen no programa, onde se lle proporcionarán todas as explicacións necesarias sobre a operativa a seguir: desde a propia localización do composteiro ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo e como controlar parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura. Sogama conta, ademais, conta cunha páxina web específica www.compostaconsogama.gal a través da cal os usuarios teñen a oportunidade de complementar os seus coñecementos na materia e acceder a recursos de interese.

Persoal ao servizo do concello será o encargado de facer un seguimento do programa. Con tal fin, visitará casa por casa para comprobar a técnica, solventar todas as dúbidas que os participantes poidan presentar e corrixir posibles desviacións. O obxectivo último é que as familias elaboren un abono natural de alta calidade que cumpra con todos os requisitos impostos pola normativa vixente na materia e, xa que logo, que poida ser aplicado na agricultura con absolutas garantías e sen restricións.