Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Concello de Ourense ven de acadar máis dun millón de euros de fondos europeos para o desenvolvemento do proxecto “Ourense activa”, destinado a fomentar o emprego entre a mocidade ourensá. O proxecto presentado polo Concello, desde a Concellería de Promoción Económica, Recursos europeos e Formación ocupacional ven de ser seleccionado na convocatoria a nivel estatal realizada polo Ministerio de Presidencia e Administracións Territoriais.

Jesús Vázquez destaca que a aprobación de Ourense activa supón “un importante paso adiante nun reto fundamental: a promoción do emprego da cidade, seguindo a folla de ruta que persigue este goberno municipal, dando resposta ás necesidade da cidadanía deseñando proxectos viables e acadando a colaboración e implicación económica de todas as administracións”.

O Boletín oficial do Estado recolle na súa edición do día 20 de xullo a resolución de aprobación, por parte da Dirección General de Relaciones con las Comunidades Autónomas y Entes Locales, dependente do Ministerio de Presidencia e Administracións Territoriais, da convocatoria 2017 de axudas do Fondo Social Europeo, previstas no Programa Operativo de Empleo Juvenil (Axudas AP-POEJ), destinadas á integración sostible de persoas xóvenes no mercado de traballo, no contexto do Sistema Nacional de Garantía Juvenil.

Nesta resolución apróbase o proxecto “Ourense activa”, presentado polo Concello de Ourense, que ao longo de 18 meses dará formación a un total de 180 menores de 30 anos.

As persoas participantes poderán formarse nalgún dos 7 itinerarios formativos a impartir e que serán complementados con formación transversal. Ademáis, percibirán remuneración económica.

O orzamento total do proxecto ascende a 1.195.740,00 euros, dos cales 1.098.765,49 euros (91,89 %) correspondería ao Fondo Social Europeo e 96.974,52 euros (8,11 %) ao Concello.

O alcalde, Jesús Vázquez, pon en valor o traballo realizado pola Concellería de Promoción Económica, dirixida por Jorge Pumar, que presentou este proxecto á convocatoria estatal “en tempo récord”, acadando para a cidade “recursos fundamentais para reforzar a promoción do emprego na cidade e de xeito específico entre o sector da mocidade, algo fundamental para este goberno municipal”.

Obradoiro de coaching para desenvolvemento persoal

O alcalde visitou o obradoiro de coaching para o desenvolvemento persoal de persoas emprendedoras, que organizou o Concello no Castro de Santomé, no que participaron un total de 21 mozos e mozas. Este é un dos obradoiros de verán organizados este verán pola Concellería de Xuventude coa finalidade de ensinar técnicas de motivación para afrontar o futuro, dun xeito lúdico e en contacto co medio natural

Neste caso, a iniciativa pretende axudar a mellorar o proxecto de emprendemento a través do coaching, cunha metodoloxía eminentemente práctica, participativa e dinámica, e potenciando a aprendizaxe significativa, que se basa nas experiencias e coñecementos das persoas participantes, que son protagonistas da formación.

O curso usa diversas metodoloxías pedagóxicas incluíndo técnicas de coaching de equipos e dinámicas grupais, e actividades de outdoor. Cada dinámica vai acompañada dun traballo previo e unha conclusión e transferencia que permitirá identificar os aspectos claves, o aprendizaxe e a sua aplicación na sua volta ao traballo diario.

O programa de obradoiros que organiza a Concellería de Xuventude continuará o día 19 de agosto, cun taller de “Teambuilding con Paintball”, cuxo obxectivo é mellorar a capacidade de traballo en equipo dos participantes, dotándoos de ferramentas que lle permitan alcanzar unha elevada eficiencia nun ambiente laboral satisfactorio.