Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Centro de Coñecemento La Molinera vén de presentar a súa oferta formativa para o mes de febreiro, unha carteleira con actividades innovadoras para cativos e na que non faltan citas coma a Semana Europea do Emprendemento, xornadas “de inspiración” para mellorar a comunicación a través das redes sociais ou os xa clásicos obradoiros de alfabetización informática a través da aula Cemit.

“Logo de dez meses de abrir unha fiestra cara a innovación, a creatividade, e a incorporación das novas tecnoloxías e ferramentas ao servizo dos veciños”, comentaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “La Molinera consolídase como un elemento dinamizador e promotor da creatividade, tanto desde un punto de vista persoal como profesional”, dixo.

Semana Europea do Emprendemento

A primeira das citas no calendario de La Molinera será a Semana Europea do Emprendemento, unha cita que nesta segunda edición agrupa máis de 280 eventos en 40 países de toda Europa e que pretende axudar os emprendedores e darlles a coñecer as ferramentas que poidan axudar na creación dun negocio.

Con Daniel Diéguez, da cooperativa Apoio e integrante do co-working de La Molinera, como organizador da actividade en Ourense, desenvolverase en dúas xornadas: Un Networking startup, que converterá Ourense no punto de encontro e conexión entre mozos emprendedores, administracións, empresas e universidade; e a xornada Novas canles de empregabilidade, na que se abordarán temas como a marca persoal e a vídeo presentación persoal.

Xoves inspiradores

Outro dos atractivos da oferta de La Molinera para febreiro son os “xoves inspiradores”, que este mes estarán dedicados á comunicación: o 9 de febreiro celebrarase un obradoiro de argumentación e debate (cunha segunda parte o día 23), e no medio, o 16 de febreiro, haberá un obradoiro de redes sociais. Ambos para persoas de todas as idades.

Cativos

La Molinera quere facer especial fincapé no desenvolvemento do talento e da creatividade dos chamados nativos dixitais con obradoiros de robótica, de programación, de vídeos para Internet ou de animación. Así, haberá dous proxectos orixinais e innovadores desenvolvidos no propio centro de coñecemento: O obradoiro educacional de robótica, programación e proxectos dixitais Team makers kids, e o obradoiro educacional: crear para pensar Arquimakers-kids.

Aula CeMit

A maiores, La Molinera abre o prazo para os cursos da Aula CeMIT, que este mes trae obradoiros de Deseño e impresión 3D e un obradoiro de creación dunha túa tenda a través de Internet, que se desenvolverán durante todo o mes de febreiro.

Máis información

Toda a información de cursos e prazos de inscrición,en www.lamolinera.net