Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, veñen de asinar un convenio polo que se establece a colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a implantación de ensinanzas de formación profesional básica da familia profesional Agraria.

En virtude deste convenio, a Consellería de Educación autorizará a posta en funcionamento do ciclo formativo grao básico Agroxardinaría e composicións florais no IES Universidade Laboral para o curso 2017-2018. O devandito ciclo impartirase tanto no referido centro educativo, como nas instalacións que facilita o Concello. Isto é, no Parque Botánico de Montealegre e no Viveiro Municipal de Santa Mariña.

Nesta liña, o Concello pon a disposición as instalacións e o equipamento necesario, e seguirá a facerse cargo do seu mantemento e dos gastos xerais de funcionamento. E, por outro, a Educación aportará o persoal docente necesario e asumirá os gastos de material funxible e de produtos consumibles necesarios para o desenvolvemento do devandito ciclo.

"É unha moi boa nova para Ourense, toda vez que ampliar a oferta formativa na nosa cidade contribúe a ampliar as oportunidades de traballo para os nosos xóvenes", sinala o alcalde, Jesús Vázquez, quen recalca que o Botánico de Montealegre e o Viveiro Municipal "son espazos idóneos para implantar e complementar a formación en Agroxardinería".

En calquera caso, estas ensinanzas de formación profesional básica formarán parte da oferta formativa do IES Universidade Laboral de Ourense, para todos os efectos académicos e administrativos. O convenio ten vixencia durante os cursos académicos 2017/2018 e 2018/2019.