Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Concello de Ourense anima aos escolares da cidade a gozar do pracer da lectura nunha nova edición, xa a número 28, da Exposición da Campaña de Animación á Lectura, que acolle o Auditorio Municipal. A concelleira de Educación, Belén Iglesias, presentou a mostra, co título “Máis alá das nubes”, que recibirá a visita de alumnado dos centros educativos da cidade de luns a venres, de 9 a 14 horas, ata o día 12 de xuño. Na xornada de hoxe foron medio centro de alumnos e alumnas do CEIP Curros Enríquez os que a visitaron.

A iniciativa está dirixida tamén ao público en xeral, e ás familias que desexen achegarse dun xeito lúdico e ameno ao universo da literatura infantil.

Así, os martes e xoves, as familias poderán visitar a exposición polas tardes, desde as 18:00 ata as 20:00 horas.

Como complemento, e actividade de dinamización, a exposición acollerá sesións de Contacontos os sábados pola mañá, de 11 a 13:00 horas.

Tamén con motivo da exposición, o Concello organizará un obradoiro de animación á lectura, dirixida ao profesorado, que se desenvolverá o día 1 de xuño.

A XXVIII exposición de animación á lectura ten como tema central “Máis alá das nubes

O día e a noite, o sol, as estrelas e a lúa, forman parte da experiencia diaria de nenos e nenas, e pretende compartir con eles a marabilla do Universo.

Aínda que a humanidade é quen de chegar á lúa ou preparar viaxes a Marte, esquecémonos do noso entorno espacial, perdendo a capacidade de observación e contemplación. Pasamos o día pendentes dos reloxos, móbiles, ordenadores e televisores.

Que poidan sucederse o día e a noite é algo marabilloso, como o movemento aparente do sol e as estrelas, a sucesión das estacións ou a contemplación da lúa.

A exposición márcase como obxectivo que os nosos rapaces comecen desde pequenos a desenvolver a capacidade de observación e asombro por estes fenómenos naturais cos que nos agasalla o Universo todos os días.

A mostra recibirá a visita de 4.264 escolares de entre 3 e 10 anos de idade, que cursan desde 4º de Infantil ata 4º de Primaria de centros educativos da cidade que xa se inscribiron para participar en visitas guiadas, que se poden solicitar na Concellería de Educación.