Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Un total de 10 centros escolares da provincia de Ourense participarán nunha nova edición das Tertulias Literarias organizadas pola Concelllería de Educación e pola Deputación de Ourense. O programa divídese en dúas partes, unha primeira en galego, os días un e dous de febreiro no Liceo, e outra en castelán, o 26 e 27 de abril. As obras escollidas para cada caso son As horas roubadas, de María Solar, e El desorden que dejas, de Carlos Montero.

Na presentación das actividades, na sala de xuntas da Deputación, estiveron presentes a concelleira de Educación, Belén Iglesias, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o deputado de Cultura da institución provincial, Manuel Doval, e a técnica de Educación, Sara Dacal.

A titular de Educación salientou que este programa “é unha oportunidade perfecta para combinar compresión lectora, expresión oral, e socialización entre iguais”, dixo, ademais de “celebrarse nun lugar coma o Liceo, que transpira Cultura polos catro costados”.

Do mesmo xeito, todos os presentes destacaron a “oportunidade de que os alumnos poidan confrontar a lectura cos propios autores”. Así, a autora María Solar estará o mércores un de febreiro -desde as 18:00 horas- na tertulia do Liceo acompañando os escolares procedentes dos IES Couto, Prieto Nespereira, Ferro Couselo, As Lagoas, e Universidade Laboral da cidade de Ourense, e IES Ribeiro, San Mamede, Allariz, Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía, do resto da provincia.