Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Concello de Ourense achega o teatro ourensán aos alumnos e as alumnas de Secundaria con dúas representacións de “Resaca”, a terceira, e máis recente montaxe da compañía ilMaquinario Teatro. Será o luns, día 30 de xaneiro, con dúas sesións, ás 11,30 e 16,00h, ás que asistirán un total de 350 alumnos e alumnas de 4º curso da ESO, Bacharelato e ciclos de 7 centros educativos.

Con esta actividade, a Concellería de Educación continúa coa súa vocación de fomentar entre o alumnado a asistencia e o gusto polo teatro e promovendo que a mocidade coñeza os grupos de teatro da cidade. Como en anteriores ocasións a obra compleméntase con material pedagóxico para un maior aproveitamento e neste caso, o profesorado asistente conta cunha unidade didáctica e coa posibilidade dun coloquio co director, Tito Asorey e os actores e as actrices da obra no propio centro de ensino os días posteriores á representación

Resaca, estreada esta semana, no Auditorio Municipal, é a terceira montaxe de ilMaquinario Teatro, despois do éxito acadado con O Home Almofada (2012) e Perplexo (2014).

Tras dous espectáculos creados a partir de obras de autores estranxeiros, a compañía quere apostar por unha dramaturxia de creación colectiva achegada ás premisas do teatro documental.

Resaca é un espectáculo multidisciplinar no que o teatro conversa coa performance, a poesía, a narración oral e a música en directo para tratar de recompoñer a historia da vida de Álex, unha persoa común que dalgunha maneira resume e simboliza o sentir dunha xeración que continúa buscando o seu lugar nun mundo que se atopa en proceso constante de transformación e crise.

O público en xeral pode tamén asistir á representación da obra nas sesións programadas para o venres, ás 20:30 horas; o  sábado, ás 20:30 horas e o domingo ás 19:00 horas.