Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O ourensán Iván Salgado López (1991), Campión de España Individual 2017, foi recibido  no salón de plenos do Concello de Ourense polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e pola secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañados do concelleiro de Deportes, Mario Guede.

Salgado, que revalida o título acadado en 2013, vén de impoñerse no campionato celebrado en Las Palmas e que rematou o 8 de outubro. O xadrecista ourensán é internacional absoluto coa selección española desde os 16 anos, idade na que acadou a máxima titulación internacional /Grande Mestre), un caso de estrema precocidade e sen precedentes dentro do xadrez español.

Actualmente, o deportista ourensán está afincado en Sofía (Bulgaria), pero viaxa con frecuencia a España por motivos familiares e deportivos. Así, non falla á súa cita con Ourense, onde ten un compromiso federativo desde o pasado mes de setembro co club da súa cidade: Club Deportivo Xadrez Ourense. A dita entidade deportiva pertencen tamén o resto dos medallistas que, xunto a Iván Salgado, foron recibidos polas autoridades. Xacobe Conde Riveiro (2006), campión de España sub-12 no pasado mes de xullo en Granada, Martín Gómez Carreño (2003), bronce na categoría sub-14 no mesmo campionato, e Yudania Hernández (1973), bronce nacional feminino en Libares (Jaén) o pasado mes de agosto.Estes tres deportistas, xunto con Iván Salgado, son os representantes dun ano de éxitos deportivos sen precedentes para este deporte na nosa cidade.

Ademais de alcalde e de secretaria xeral, ao acto de recoñecemento acudiron o concelleiro de Deportes, Mario Guede, o presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez, e o presidente do Club Deportivo Xadrez Ourense, Elías González.