Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A Rehabilitación do Subministro de Enerxía Termal para o Pavillón dos Remedios permitiralle ao Concello de Ourense aforrar en torno aos 80.000 euros anuais na factura de Gas Natural. O proxecto da Concellería de Infraestruturas prevé a substitución da actual condución, que discorre desde As Burgas polo lateral do río Barbaña, e cuxo trazado non está definido con precisión debido á súa antigüidade, a través de 1.400 metros lineais cara a unha das balsas do complexo deportivo. A nova tubaxe estaría soterrada cun illamento exterior de grande duración especificamente adaptado a este tipo de augas termais.

Tradicionalmente, as instalacións do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense viñan abastecéndose da enerxía térmica obtida da auga do manancial termal das Burgas, que contan cun potencial en orixe de 300 litros/min a 67ºC. A achega enerxética ás instalacións dos Remedios foi diminuíndo co paso do tempo polo progresivo deterioro da condución e dos elementos de almacenamento e bombeo inmediatos. Ao longo, e co obxectivo de manter a subministración, tívose que reparar en tres puntos distintos debido a roturas por envellecemento dos materiais.

O orzamento de execución material estímase en 230.000 €, pero incrementado cos gastos xerais, beneficio industrial e IVE correspondente arroxaría un orzamento de execución próximo aos 330.000 euros. O prazo de execución estimado dos traballos é de 10 semanas.

Esta mellora unirase ás obras de montaxe de dous sistemas de intercambiadores no Pavillón dos Remedios: O primeiro, para quecer previamente a auga que entra nas caldeiras de modo que o salto térmico sexa duns 20º, cando anteriormente era duns 40º-45º; o segundo intercambiador quenta o circuíto de auga das piscinas, de xeito que estas quecen case exclusivamente coa auga termal.

Auditoría enerxética. Este proxecto xorde dunha auditoría de eficiencia enerxética realizada o pasado 2016 polo enxeñeiro Manuel Pardo, avaliando as medidas que se están levando a cabo no Pavillón de Deportes para a redución de consumos. As conclusións desta Auditoría centráronse no aproveitamento da auga termal das Burgas: Por unha banda, na mellora das canalizacións e conducións desde a surxencia ao Pavillón, e por outra, na mellora do aproveitamento da temperatura da auga dentro do Pavillón.