Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
A espectacularidade do Descenso Urbano - Mercedes Benz (DHU) polas rúas do Casco Histórico, evento que dará a saída da segunda edición do Pulpo Extreme, non vai estar rifada coa seguridade. Un amplo dispositivo composto por voluntarios e comisarios da organización, así como con medios sanitarios de emerxencias, vixiará o desenvolvemento da proba para solventar de forma inmediata calquera incidencia que poida ocorrer, e a Policía Local controlará o acceso de vehículos á zona peonil da cidade.

O descenso, que atravesará a zona vella da cidade de Ourense, cruzando a Praza Maior e rematando nas Burgas, comezará ás 10:00 horas cos adestramentos libres, e desde as 16:30 horas cos primeiros descensos. O Pulpo Extreme colocará un valado de seguridade en todo o percorrido da proba, que estará supervisado por voluntarios da organización. Desde o Concello, recoméndase seguir en todo momento os consellos e indicacións dos voluntarios, que estarán perfectamente identificados e avisarán ao público a chegada dos participantes con chifres.

Espectáculo puro

O público poderá gozar dunha espectacular xornada durante todo o día. Logo de salvar as escaleiras do primeiro tramo, a organización destaca lugares coma a rúa Juan de Austria, onde haberá un interesante salto seguido dun wall ride na esquina de Santa Eufemia con Arcediagos. De seguido, chegarán á Praza Maior onde saltarán un Box de 7 metros que, sumados ás rampas, farán un total de 13 metros. Neste punto valorarase a habilidade dos participantes co best trick. A chegada á meta, co vertixinoso descenso pola rúa Calpurnia Abana, será outro dos puntos fortes do descenso.