Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O campo municipal de velle acollerá, o vindeiro mércores 28 de xuño, a primeira edición do memorial Secunduno Alonso Basalo, un acto de “gratitude da familia do deporte de Ourense”, en palabras do concelleiro de Deportes, Mario Guede, durante a presentación do acto.

Organizado polo Consello Municipal de deportes e os clubs Pabellón Ourense CF, SDC Arrabaldo, Ourense CF, UD Ourense, AD Bosco, CDC Santa Teresita, ED Ourense e EDC Barbadás, o acto pretende renderlle homenaxe a unha persoa que loitou por que ningún rapaz quedase sen a oportunidade de xogar ao fútbol. Así o definía Bernardino González, en representación da Deputación: unha “persoa de fútbol, sinxela, traballadora e honesta”.

“Secundino Basalo é un deses heroes imprescindibles”, dicía Mario Guede en presenza da súa familia, “para que o fútbol sexa o referente do deporte para todos, como escola de saúde, lecer, convivencia e formación en valores”. Na súa honra, os equipos benxamíns e alevíns dos diferentes clubs organizadores enfrontaranse desde as 9:30 horas no campo de Velle en partidos de 25 minutos (agás as finais, que serán de dous tempos de 15 minutos), para finalizar cunha sentida entrega de trofeos na memoria de Basalo Alonso.

A Federación Galega de Fútbol e a Asociación de Veciños Carlasca, coa que Basalo estivo moi relacionado, tamén colaboran no Memorial que debe servir para amosar que “toda a familia do fútbol está unida”.