Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
Dous artistas internacionais darán continuidade á V tempada do Enclave de Cámara. O pianista Alexei Grynyuk e o violonchelista Leonard Elschenbroich actuarán xuntos no Teatro Principal de Ourense o xoves 2 de novembro.

Aclamados coma os principais solistas da súa xeración, Leonard Elschenbroich (Alemaña) e Alexei Grynyuk (Ucraína) actúan coma dúo dende a tempada 2009/10, cando se coñeceron sendo estudantes de música en Londres.

Tras actuacións conxuntas recentes por Inglaterra con concertos para os London BBC Proms, así coma concertos coa Sociedade Filharmónica de Bremen, no Concertgebow de Ámsterdam, no Wigmore Hall ou na Frick Collection de Nova York e extensas xiras por América Latina e Australia, chegan a Ourense cun programa no que teñen cabida obras de Beethoven, Prokófiev e Stravinsky.

Permítenlle ao público, deste xeito, comparar os discursos musicais do romanticismo, aínda vencellado á forma clásica no caso de Beethoven a comezos do século XIX, con propostas neo-clásicas –xa do século XX– que orientaron autores coma Strauss, Stravinsky ou Prokófiev tras teren creado pezas fundamentais para a renovación da linguaxe musical.

O concerto, que xuntará no escenario do Teatro Principal a dous dos principais músicos de cámara europeos, será o xoves 2 de novembro ás 20:30 h.

LEONARD ELSCHENBROICH / BIOGRAFÍA

Aos dez anos recibiu unha bolsa de estudos para a súa formación musical na Yehudi Menuhin School de Londres e pronto se converteu nun dos violonchelistas máis carismáticos da súa xeración, recibindo importantes premios internacionais coma o Leonard Bernstein Award, o Eugene Istomin Prize e o Borletti Buitoni Trust Award.

Entre 2013 e 2016 foi o primeiro artista en residencia da Sociedade Filharmónica de Bremen e coma solista presentouse xunto a grandes orquestras (A Filharmónica de Londres, a Royal Philharmonic, a Konzerthaus Orchester Berlin, a Filharmónica de Bos Aires, a Orquestra Sinfónica de Chicago, entre outras) e foi dirixido por afamados directores. En 2012 co-fundou e foi o mentor artístico da Orquestra Filharmónica de Bolivia.

ALEXEI GRYNYUK / BIOGRAFÍA

Pianista ucraíno de absoluto e transcendental virtuosismo, o seu interese pola música xurdiu de neno e acadaría o seu desenvolvemento artístico no Conservatorio de Kiev primeiro e posteriormente na Real Academia de Música de Londres.

Aos trece anos comezaron as súas presentacións xunto a orquestras de Ucraína con concertos para piano de F. Chopin e Mozart. Daquela época é o primeiro premio na última competencia de piano da URSS, en Moscova.

Aclamado pola crítica internacional, Grynyuk tamén recibiu ao longo da súa carreira numerosos premios, como o Primeiro Premio na Competencia Internacional de Piano Vladimir Horowitz e a Competencia Internacional de Piano de Shanghai.