Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Logo de seis meses pechado para acometer as obras de instalación do ascensor, o Museo Municipal reabre as súas portas con Tempo, da artista alemá afincada en Ourense Isabell Seidel. Unha colección de 91 obras, de grande e medio formato, coa técnica de acuarela en papel sobre lenzo, diarios de viaxe e cadernos de anotacións que percorre os currunchos da nosa cidade. A exposición ocupa as tres plantas do Museo -feito que non ocorría desde hai 30 anos, con Julio Prieto Nespereira-, e permanecerá aberta desde o xoves 22 de xuño até o 30 de setembro.

“Ourense só hai unha, mais as súas representacións son moitas, tantas como ollos abertos e mentes sensibles”, dicía o alcalde Jesús Vázquez na presentación de Tempo, “e grazas ás súas acuarelas de Seidel aprendemos a observala desde a mirada da artista, a apreciala na súa beleza e sentila propia nas súas manifestacións”.

Para a artista, Tempo representa a moitos niveis o seu traballo. “É unha mostra 100% ourensán que busca reflectir a nosa cidade a través das árbores, as estacións do ano, o xogo das luces e das sombras e, especialmente, a choiva”, dixo, pero tamén “o grao de humidade exacto, o pigmento que flúe coa auga para modelar a realidade”. Porén, tamén considera que é unha obra “moi persoal”, xa que reflicte o tempo que transcorreu desde que empezou a traballar na exposición até o momento, tempo no que foi nai de dous nenos: “agora todo é máis complexo”, recoñecía, “e acórdome de que Tempo en alemán significa velocidade”.