Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Auditorio de Ourense, recoñecido pola Rede Galega de Teatros e Auditorios coma o espazo máis activo de Galicia, vén de presentar a programación para os meses de maio e xuño. Unha proposta “para todos os públicos e para todas as idades”, dixo a concelleira Belén Iglesias, “que quere liderar a oferta cultural da cidade e do conxunto dos espazos expositivos galegos”, dixo.

Na combinación de teatro, música e humor que presenta o programa presentado esta mañá, destacan as propostas de Kukai danza e Teatro Muxicas. Os vascos presentan o 6 de maio Oskara, polo que están nominados a sete premios Max, entre eles ao de mellor espectáculo. Os ourensáns xa saben o que é recibir un Max, neste caso como mellor proposta de Teatro Afeccionado por Arsénico por compasión, o 4 de xuño.

A oferta teatral complétase co teatro para bebés (Os contos do chupete, de Migallas Teatro, e Zapatos, de Caramuxo Teatro) e para adultos: Smart, como un teléfono intelixente pode converterte nun idiota (7 de maio), Memorias dun ser humano disperso versión 6.0 (10 e 11 de maio), Os mortos daquel verán (obra de Carlos Casares, o 12 de maio), ou a espectacular montaxe de Up2Down – Traspediante (14 de maio). O humor chegará da man de Luís Piedrahita (28 maio).

A música tamén terá o seu lugar no Auditorio. Coti (13 maio), o Concerto das Letras (16 maio) ou Escuchando Elefantes (19 maio) únense ás propostas para bebés de Gramola Gominola (21 de maio) e Magín Blanco (23-25 de maio).

A maiores, actividades de animación á lectura (desde o 4 maio), o Correlingua (En galego, sen cancelas, 3 maio) ou o espectáculo de hipnose Mental (26 maio) completan a oferta do Auditorio para o vindeiro bimestre.

Descarga do Programa do Auditorio para maio e xuño de 2017 (pdf)