Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
A sala Valente acollerá a primeira parada da exposición itinerante 'Os mundos de Carlos Casares', unha oportunidade de coñecer a faciana literaria, pero tamén humana, con máis de 500 pezas entre as que se poderán contemplar imaxes da infancia, notas manuscritas de Vicente Risco, un cinematógrafo con bobinas orixinais do autor, recortes de prensa, ou seu certificado de voda. Casares Mouriño, autor homenaxeado polas Letras Galegas 2017, poderá ser visitado até o vindeiro 21 de maio na céntrica sala ourensá.

“Unha cidade debe coñecer os persoeiros que a engrandecen, porque son os seus referentes sociais, culturais, por iso recoñecer a Casares non só é unha forma de agradecerlle o moito que quixo esta cidade, e dunha forma moi activa, é tamén espallar o seu legado”, afirmou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación. Xunto a el estiveron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación; Håkan Casares Berg, primeiro fillo de Carlos Casares; Chus Martínez, secretaria da exposición; e Antonio Pérez, alcalde de Xinzo de Limia, localidade que será a última parada de 'Os mundos de Carlos Casares', no mes de decembro. Antes pasará por Santiago de Compostela, A Coruña, Riveira, Carballo, Vigo, Lugo e Pontevedra. A exposición pódese visitar de martes a sábado de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13:30 horas. Os luns o espazo está pechado.

Ano de Casares

A elección de Ourense como primeira parada foi, para todos os asistentes, un acerto, xa que non se podería entender a figura do escritor sen a súa implicación na sociedade local. De feito, o 16 de maio haberá actos institucionais de homenaxe ao escritor e terá lugar, ademais, o Concerto das Letras, o 16 de maio da man da Real Filharmonía de Galicia, no que se interpretarán obras sobre textos de autores galegos coa estrea de Formiga, de Rubén Vizcaíno, precisamente a partir dun texto do libro A galiña azul de Casares -exemplar que tamén se poderá ver na exposición-.

O Concello de Ourense leva ademais, desde o mes de marzo, realizando visitas periódicas a escolares e a todo o mundo que así o solicite do Roteiro Casares, con parada nos escenarios emblemáticos da súa traxectoria.