Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Nestes últimos días está activada no Concello a Campaña Municipal contra o Frío. Esta iniciativa conleva unha maior capacidade de acollida por parte dos servicios municipais (Fogar do Transeúnte), así como un incremento da intervención na rúa para detectar e incorporar á rede de atención de persoas sen fogar aquelas persoas en situación de maior deterioro.

Esta campaña persigue tamén desenvolver actuacións de sensibilización social e incrementar a colaboración co tecido social e outras entidades e institucións sociais da cidade. Precisamente, os cidadáns poden chamar, cando detecten a unha persoa sen fogar que require atención, ao 112 (Emerxencias), ao 091 (Policía Nacional) ou ao 092 (Policía Local).

Atención a persoas sen fogar

Esta campaña específica enmárcase no Programa Municipal de Atención a Persoas sen Fogar, que ten como principal obxectivo que ningunha persoa sen fogar careza de atención social. Con esta iniciativa específica debido ás baixas temperaturas se pretende proporcionar atención integral a aquelas persoas que, por circunstancias diversas ou decisións persoais, non acceden aos diferentes recursos estables da rede de atención a persoas sen fogar.

Ofrécese aloxamento nocturno, manutención, atención sanitaria básica e acompañamento social durante todo o inverno.

As medidas concretas desta Campaña Municipal contra o Frío consisten en reforzar a capacidade de acollida e aloxamento. Así, non se deixa a ninguén nas rúas exposto ás baixas temperaturas, ata alcanzar o máximo de prazas do Fogar Municipal do Transeúnte, creando asimesmo un espacio neste Fogar para as urxencias fóra do horario de acollida. Tamén se mantén aberto o Fogar polas tardes e cun reforzo da atención na rúa en colaboración con Cruz Vermella Ourense.

Por outra banda, tamén se optimiza a coordinación dos recursos existentes, flexibilizando os criterios de atención e axilizando os sistemas de derivación entre os servicios de Cruz Vermella, Cáritas, o CHUO, a Fundación San Rosendo, o Asilo e os servicios de Emerxencias de Dependencia.