Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A Casa de Galicia de Madrid acolleu esta mañá a presentación da campaña Un paseo polo Nadal de Galicia da Axencia de Turismo de Galicia. Nesta presentación participou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, para presentar o potencial turístico da cidade durante o período do Nadal.

"Porque ser a Capital Termal de Galicia non é un título gratuíto: baixo os nosos pés temos un océano de auga quente que nos permite tomar baños á luz da lúa nunha piscina gratuíta integrada en pleno centro histórico, por exemplo. Algo, sen dúbida, do que poucas capitais poden presumir", sinalou o alcalde, quen se referiu a Ourense como a Capital do Nadal de Galicia.

"Así o estamos demostrando cunha completísima programación de máis de 200 actividades pensando nun turismo familiar, no lecer de toda a familia. Teatro, música (temos en marcha un Ciclo de Lírica con figuras de primeiro nivel nacional e internacional de ópera e zarzuela), actividades para os máis pequenos (mesmo para os bebés), unha feira vangardista para mozos emprendedores 'pop up stores' e lugares con encanto para fotografar e levar de Ourense o mellor recordo destas datas".

Pero se hai algo que Jesús Vázquez destacou como tipicamente do Nadal son os beléns. "Á nova iniciativa que puxemos en marcha este ano (unha recreación a tamaño real nos Xardíns do Padre Feijóo) unímoslle os xa tradicionais que forman parte do patrimonio cultural e emocional de Ourense: o Belén de Baltar e a exposición "Beléns do Mundo" do Bispado, así como o concurso de beléns da cidade.

Belén de Baltar

Jesús Vázquez destacou que Ourense ten un punto de encontro no Nadal: "Un lugar onde cada ano celebramos oficialmente o inicio desta cita festiva e ao que todos os ourensáns, e todos quen nos visitan, achegámonos para gozar do Nadal. Este ano, realizaremos ese rito o venres 16 de decembro".

É o Belén de Arturo Baltar, instalado no centro histórico da cidade de Ourense, no que hoxe é espazo expositivo permanente da obra do escultor ourensán Arturo Baltar.

Ten a súa orixe en 1967, nun encargo que a Asociación de belenistas de Ourense fíxolle ao escultor. Foi o primeiro Belén de Baltar, formado polas figuras principais do Portal: José, María, co neno no colo, o boi e a mula, un anxo e tres Reyes Meigos, que se presentou nos soportais da Casa Consistorial.

Desde entón, cada ano vai crecendo en esculturas con máis personaxes, grupos sociais, arquitectura civil e relixiosa, ambientación paisaxística...

En 1969 colocouse no Museo Arqueolóxico e en 1970, durante toda a década, xunto ao Pórtico do Paraíso da catedral.

No Nadal de 1980, trasladouse á Capela de San Cosme e San Damián, o seu emprazamento definitivo. No 2010, remodelase por completo a capela e o edificio anexo para acoller o que hoxe é espazo expositivo de Arturo Baltar, sede permanente do seu belén e dunha parte significativa da súa obra.

O Belén de Ourense componse dunha gran cantidade de pezas feitas en barro cocido, ademais de curiosas representacións relixiosas, civís e militares que, mesturadas, conxuntamente coas construcións de carácter popular, crean un ambiente singular.

Destaca tamén a presenza de elementos relacionados coa etnografía: adegas, fornos, cruceiros, pontes, pombais... Tamén é fermoso contemplar os labores do campo, xogos populares como a chave; antigas profesións ambulantes como a do retratista, o cego cantador de coplas; etcétera.

"É un pequeno universo de barro cocido no que a sociedade de Ourense ten a súa réplica perfecta. Unha obra de arte singular que merece ser visitada", subliñou o rexedor ourensán.

Beléns do Mundo

Ourense acolle tamén una das máis interesantes e atractivas exposicións de beléns que se poidan contemplar na actualidade en toda a Península, tanto polo seu contido, pola súa variedade de características e procedencias como polo extraordinario da súa orixe: a exposición de Beléns do Mundo, organizada polo Bispado.

Concurso de beléns

Por último, o alcalde de Ourense fixo referencia á celebración do tradicional Concurso de beléns públicos, tremendamente consolidado na cidade na súa xa edición número 21, convocado polo Concello e a Asociación de Belenistas.

Prémianse composicións que deben estar á vista ou en todo caso abertos ao público, en escaparates, vitrinas, mostradores, etc. Mesmo tamén en colexios, residencias ou domicilios particulares, sempre que abran ao público polo menos 2 horas ao día e sinalizados cun cartel no exterior do edificio.

De feito, hai 3 categorías: asociacións sen ánimo de lucro e establecementos comerciais, beléns instalados en domicilios particulares e escolares. Con 2.000 euros en premios.