Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

“A revitalización do Casco Histórico, co asentamento de familias nesta emblemática zona da cidade, é unha prioridade para este Goberno Municipal e por elo Ourense terá recuperadas 40 vivendas de protección a través dun investimento global de máis de 7,6 millóns de euros”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez, logo de facerse público o anuncio da Xunta de Galicia de que adquirirá inmobles en estado de abandono ou semiabandono no casco vello de Ourense para rehabilitalos e destinalos a alugueiro social.

Este novo obxectivo é acadar arredor de 13 novas vivendas rehabilitadas, destinando 800.000 euros en 2018 á adquisición de ditos inmobles. Esta actuación enmarcase no programa Rexurbe co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas.

Con estas futuras 13 rehabilitacións (que suporán un investimento total de 2,7 millóns, incluindo os traballos de rehabilitación), máis as obras xa realizadas ou en execución, Ourense recuperará 40 vivendas de protección a través dun investimento de máis de 8 millóns de euros, sinala Vázquez Abad. “Unha oportunidade para atraer familias xóvenes que dinamicen e enchan de vida o noso Casco Histórico”.

O rexedor ourensán é por elo que destaca como unha “excelente noticia e un compromiso firme e decidido” o anuncio da Consellería de Infraestruturas e Vivenda de que adquirirá inmobles en estado de abandono ou semiabandono no casco vello de Ourense para rehabilitalos e destinalos a alugueiro social. O obxectivo é acadar arredor de 13 novas vivendas rehabilitadas, destinando 800.000 euros en 2018 á adquisición de ditos inmobles

Os inmobles que adquira a Xunta deberán estar situados no casco vello de Ourense, nas rúas Vilar, Cervantes, Xerónimo Feijoo, Colón, Libertade, Xulio Prieto Nespereira, Hernán Cortés, García Mosquera, Lugo, Pelaio, 2 de Maio, Manuel Sueiro, Padilla, Triunfo, do Perigo, Moratín, Primavera e Bailén e nas prazas da Victoria, do Sal, Imprenta, da Trinidade, Saco e Arce, Pena Vixía, San Marcial, de San Cosme e da Ferreira, así como en Camiño Canella Cega e, ademais de atoparse en estado de abandono ou semiabandono, deben reunir uns requisitos mínimos que permitan que as novas vivendas reúnan condicións óptimas de confort e habitabilidade; non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación; e deben estar inscritas no Rexistro da Propiedade. O propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen dun prazo de tres meses para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Rehabilitacións xa en marcha

O pasado mes de decembro, o Diario Oficial de Galicia, fixo pública a licitación das obras de rehabilitación dos edificios da rúa vilar 3 e 5, adquiridos polo Concello de Ourense e cedidos á Xunta para a súa recuperación e mellora, para destinalos, de modo prioritario, a vivenda social. A Xunta investirá uns 560.000 € na súa rehabilitación, que, unha vez finalizada, permitirá poñer á disposición dos veciños de Ourense 3 novas vivendas, de 1, de 2 e de 3 dormitorios, cos seus correspondentes rochos.

Unha vez licitadas estas actuacións, continuaranse cos trámites administrativos necesarios para iniciar as obras ao longo de 2018. O prazo para a súa execución é de 12 meses, polo que a principios de 2019 estará finalizada a rehabilitación e as vivendas á disposición das familias.

De xeito paralelo, estanse a traballar na contratación das obras, no próximo ano, do edificio da rúa Cervantes 14, un edificio que tamén foi cedido polo Concello de Ourense á Xunta para a súa rehabilitación, na que se investirán máis de 600.000 €.

Estas actuacións, xa iniciadas ou en tramitación, (en Vilar 1, Vilar 3 e 5 e Cervantes 14) permiten ter en marcha os traballos en todos os edificios do Casco Vello de Ourense que foron adquiridos ata o momento pola Xunta ou polo propio Concello. Estes inmobles viranse a sumar aos 10 que nestes momentos xa están rehabilitados e dos que se obtiveron un total de 22 vivendas e 10 locais comerciais, e que supuxeron un investimento por parte da Xunta que supera os 3,2 M€.