Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O luns 12 de xuño comezan as obras de renovación das luminarias, así como de mellora na instalación eléctrica da Ponte do Milenio. Estes traballos, que xorden como froito da cooperación económica e técnica entre administracións, serán executados polo Concello de Ourense e financiados a través da Xunta de Galicia (Axencia Galega de Infraestruturas). Un convenio entre o Concello e a AXI posibilitará a execución e financiación destes traballos (orzamentados en 38.000 euros), así como da instalación dunha rede semafórica nos novos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O importe total do devandito convenio para ambas actuacións será de 68.920,45 euros.

O Concello de Ourense, a través do alcalde, Jesús Vázquez, manifestáralle á titular da Consellería de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o seu interese en revisar e poñer a punto a instalación eléctrica e iluminación de toda a Ponte do Milenio, mediante a reposición de proxectores que se atopan rotos, deteriorados ou que non existen, asegurando deste xeito a axeitada iluminación de calquera superficie para o uso previsto, tanto de circulación de vehículos como peonil. Ademáis, considera tamén imprescindible para a funcionalidade e seguridade viaria do acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) a realización de instalación semafórica.

"Estamos ante un paso máis do proceso de posta en valor do noso propio patrimonio, que grazas á colaboración institucional, acadamos melloras pensadas para o ben común da cidadanía de Ourense", sinala o alcalde, Jesús Vázquez, quen agradece de novo á Xunta en xeral e á conselleira de Infraestruturas en particular, Ethel Vázquez, "a súa disposición a axudar sempre en todo canto lle solicitamos para mellorar Ourense".

Tras 15 anos en servizo, a Ponte do Milenio non presenta danos estruturais, pero foi preciso realizar unha serie de actuacións para contribuir ao seu bo mantemento e unha mellor conversación e, con tal fin, asinárase en decembro de 2015 un convenio de colaboración entre o Concello e a AXI. Con este convenio tamén se regularizou xurídicamente a titularidade da Ponte do Milenio, pasando a ser do Concello de Ourense unha vez recibidas as obras.

Durante a execución das devanditas obras identificárase que a iluminación artificial da ponte necesitaba da reposición e reparación das súas luminarias, para evitar causar unha sensación de inseguridade a condutores e peóns que circula por ela de oite, sendo precisa a revisión e posta a punto da instalación de iluminación de toda a ponte. Por este motivo, articulouse un novo convenio entre ambas administracións (Concello e Xunta) para executar as obras.