Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A cooperación entre a Deputación e o Concello de Ourense desbloqueará 25 proxectos do Plan de Investimentos da cidade, cun importe total de 10.272.950,77 euros. Esta cooperación permitirá afrontar, neste exercicio económico e tamén no vindeiro (2017-2018) a contratación e execución das citadas inversións, todas elas solicitadas por asociacións veciñais da cidade.

A cofinanciación entre ambas administracións permite que este prazo se amplíe ao vindeiro ano, algo que tanto o presidente provincial, Manuel Baltar, como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, subliñaron como “clave” para poder sacar adiante estas obras, tendo en conta que sin esa cofinanciación, todas terían que estar adxudicadas e executadas durante 2017.

O alcalde, Jesús Vázquez, lembra que xa en 2015 se articulou este mecanismo de colaboración coa Deputación para poder executar o Plan de Obras herdado do anterior goberno municipal, “cando ninguén apostaba que puidésemos sacalo adiante, e aí están a rúa Concello ou a Pasarela do Barbaña, por citar algunhas das obras que conseguimos adiante gracias á Deputación, institución é que lle agradezo novamente o seu esforzo”.

O presidente provincial, Manuel Baltar, puxo en valor a cooperación entre ambas institucións e avanzou que no pleno do mes de abril da Deputación se someterá a votación a modificación de crédito necesaria para esta cooperación. “A clave é cofinanciar e cooperar para acadar obras de interese para os veciños de Ourense”, sinalou o presidente da Deputación Provincial.

"A Deputación de Ourense coopera por medio do cofinanciamento para que se poida levar a cabo o plan de obras do Concello de Ourense, así llo garantimos ao alcalde, e neste liña aprobaremos un plan de cooperación co Concello de Ourense, iniciativa que levaremos a pleno da corporación provincial deste mes de abril, coa modificación orzamentaria correspondente para que se poida executar", explicou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial destacou que a achega económica da Deputación de Ourense é de 100.000 euros, "unha cifra pequena en comparación co montante global do plan de obras do Concello de Ourense, pero é unha cifra moi necesaria porque sen ese cofinanciamento non se podería executar ningunha das actuacións previstas no plan, que son moi destacadas e froito das demandas e da participación cidadá".

Co fin de incrementar estratexias de desenvolvemento para a cidade, e unha vez examinadas as diferentes posibilidades de actuación, o Concello trasladoulle á Presidencia da Deputación unha solicitude formal para inserir nun Plan Provincial de Cooperación, unha serie de obras de execución urxente, inaprazable e inmediata, que se estiman de particular interese para a veciñanza de Ourense pola súa significación e clara demanda social.

Antecedentes

Esta cooperación xa foi satisfactoria no ano 2015, cando a axuda da Deputación foi fundamental para adxudicar e executar obras tan significativas como á rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña (cun investimento de 100.499,56 euros); o acondicionamento e renovación do firme da Praza Eiroás e rúa do Pazo (126.681,85 euros); a rede de abastecemento da Besada – Santa Mariña (128.063,12 euros); a humanización da rúa Concejo (766.124,39 euros); a rehabilitación de firme e adecuación de accesibilidade da rúa Mercado (101.742,56 euros); a humanización da Canella do Barbaña-Pozo do Inferno (234.700,19 euros), que forma parte da Área de Rehabilitación Integral do Polvorín-Camelias-A Carballeira, e a instalación eléctrica para vídeo-vixiancia do polígono empresarial de Seixalbo (105.018,50 euros).

Todas elas supuxeron un investimento de 1.340.403,27 euros, que conformaba o 27,8% do orzamento total do Plan de Investimentos de 2014, elaborado polo anterior equipo de goberno municipal.