Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Goberno Municipal ven de acadar que unha das obras máis representativas de Prego de Oliver, cun gran valor artístico e sentimental para a cidade, esté a disposición da cidadanía en dependencias municipais. Cacería, o mural que Manuel prego de Oliver pintou en 1946 para o cine Mary, volveuse a contemplar en febreiro deste ano na sala Valente logo dun minucioso proceso de recuperación. Da primeira época do artista, trátase dunha obra complexa de conxunto, narrativa e dirixida a un espazo público (tardaría oito anos máis en volver facer un mural, para a estación de tren do Carballiño). Ten unhas dimensións de catro metros de ancho e dous de alto, e estivo exposta até o 26 de febreiro xunto aos outros 111 lenzos, bocetos e debuxos do artista que se mostran na Sala Valente.

Agora, esta obra de arte está instalada na segunda pranta da Consistorial, por ser o lugar máis idóneo, segundo os técnicos, para a súa axeitada conservación. Un contrato de comodato é a fórmula pola que o Concello de Ourense e a familia Amor acordaron a cesión desta obra á cidade, motivo polo que a partires de agora pasa a ocupar dependencias municipais. Trátase así da segunda obra de gran formato de Prego de Oliver cedida á cidade, depois da cesión do mural do antigo Hotel Parque, logo da súa restauración por parte do seu propietario, José Luis Suárez, e que pasará a ocupar o hall do Auditorio Municipal.

O Goberno Municipal manifesta o seu máis profundo agradecemento á familia Amor polo seu xesto de xenerosidade coa cidade de Ourense, xa que este mural ocupou durante décadas o vestíbulo do Cine Mary, pechado hai máis de 25 anos.