Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Un total de 24 usuarios do programa de inserción socio laboral IMEDRA poderán obter o permiso de conducir (tipo B) grazas a un convenio entre o Concello de Ourense e Viaqua. Esta acción, aprobada na xunta de goberno local do 9 de febreiro, quere dotar a persoas en risco de exclusión social de ferramentas clave para optar a un emprego, e estará dotada con 5.700 euros.

“Desde o goberno municipal queremos darlle un forte impulso ao programa IMEDRA”, comentaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez: “Con el, 819 persoas participaron en procesos de inserción laboral. 345 asistiron a cursos de formación e 45 obtiveron un contrato de traballo en empresas”, dixo.

E é que a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy presentou a memoria deste programa de inclusión do ano 2016. O obxectivo, en palabras do rexedor, é “chegar a máis usuarios, para prestar atención non só ás persoas usuarias das UNIS, senón tamén as persoas en risco de exclusión incluídas noutros programas da rede asistencial, como a Unidade de Condutas Aditivas, o programa de minorías étnicas e o de Inmigración”. Desta forma, implícase a empresas e organizacións non gubernamentais e poténciase a formación con cursos naqueles sectores que as empresas demandan para acadar a inserción laboral dos participantes.

IMEDRA, en cifras

En 2016, 485 persoas tiveron un itinerario personalizado dentro do programa, 345 asistiron a cursos de formación, 351 participaron en procesos de selección de persoal en empresas e 48 obtiveron un contrato de traballo entre as empresas colaboradoras do programa. O perfil dos participantes son homes e mulleres maiores de 35 anos, casados con 2-3 fillos de media, escasa formación académica e cualificación profesional, que teñen pasado longos períodos en situación de paro.

O programa conta con 3 profesionais: dúas educadoras e unha graduada en relacións laborais. Deseñan itinerarios individualizados de inclusión social, prestan servizos e accións de orientación e seguimento dos participantes.

As principais novidades foron os cursos de formación en colaboración con entidades., os 5 cursos organizados pola Concellería de Asuntos Sociais (con 62 participantes, dedicados a operacións básicas de cociña, atención a persoas dependentes en institucións sociais, competencias clave 2, actividades de venda e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais); un total de 223 participantes no programa IMEDRA foron derivados e admitidos en cursos doutras entidades: organizacións non gubernamentais, centros de formación e empresas de diferentes sectores; realizáronse 351 derivacións de alumnos cara a entrevistas para optar a ofertas laborais.

Finalmente, foron 45 participantes acadaron emprego: 26 en empresas de diferentes sectores e domicilios particulares e 19 a través dos programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para persoas en risco de exclusión, neste caso como axudantes auxiliares especialistas, peóns e conserxes,

Ademais, a xunta de goberno abordou un total de 21 expedientes máis achegados polas diferentes concellerías e

Avogacía consistorial. Sentenzas.

Na sesión do 9 de febreiro, a xunta de goberno deu conta de catro sentenzas. Tres son favorables ao Concello e desestiman unha reclamación de 644.000 euros por presuntos danos ocasionados pola anulación do PXOM, unha reclamación pola adxudicación das obras da pasarela do Barbaña e un recurso polo proceso selectivo polo que se cubriu o posto de xefe de servizo de Recursos Humanos.

  1. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, ditou Sentenza favorable ao Concello, na que desestima o recurso de reclamación de responsabilidade patrimonial por presuntos danos e prexuízos ocasionados pola anulación do PXOM de 2033 na área de reparto AR-24-O. A empresa reclamaba 644.161,44 euros, e o Tribunal a desestima e lle impón as custas. A presente sentenza NON é firme, e contra a mesma cabe interpor recurso de casación.
  2. Outra sentenza favorable ao Concello, neste caso do Xulgado Contencioso-administrativo número 2, declara inadmisible o recurso interposto por unha construtora en acción de responsabilidade patrimonial fronte ao Concello. Solicitaba unha indemnización económica por parte do Concello por non lle ter adxudicado a execución das obras de reparación da pasarela do Parque Barbaña. As obras foron adxudicadas por concurso a outra empresa, e a empresa non recorreu dita adxudicación. Por este motivo, o Xulgado non admite a reclamación.
  3. O Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 1 ditou sentenza na que desestima o recurso dun particular, sobre o proceso selectivo que convocou o Concello para cubrir o posto de xefe de servizo de Recursos Humanos. Trátase dun axente da Policía Local que presentou a súa candidatura, pero esta non foi admitida, xa que nas bases se indicaba que para optar á praza era preciso ser funcionario A1 ou A2, cando el era C1. A sentenza dálle a razón ao Concello, desestima o recurso e imponlle as custas ao demandante.
  4. Finalmente, o Xulgado do Social núm. 1 de Ourense, ditou sentenza na que recoñece a antigüidade, desde 1 de xullo de 2008 a unha traballadora do Concello que ten praza de laboral indefinida non fixa por sentenza xudicial. É unha antiga asistencia técnica. Polo tanto, condena o Concello a abonarlle en concepto de atrasos a cantidade de 993,16 euros polo período de outubro de 2015 a novembro de 2016, e a que lle abone no sucesivo o citado complemento.

Avogacía consistorial. Persoamentos.

O Concello foi emprazado a comparecer e persoarse ante o Xulgado de Instrución número 2 en dous asuntos:

  1. En calidade de perxudicado nas dilixencias previas sobre danos causados nun banco de pedra sito na Rúa Río Cenza, no barrio do 21, como se reflexa no atestado da Policía Local 1865/16.
  2. Como demandado polo procedemento interposto por un particular afectado pola expropiación dunha finca para a construción dos accesos ao Centro Comercial Carrefour. Neste caso, o cidadán solicita que o Concello remita o expediente relativo á súa finca ao Xurado de Expropiación. O Concello comparecerá e sinalará que o expediente xa fora remitido no seu día, aínda que está pendente de resolución por parte do Xurado.

Ademais, o Concello foi emprazado para comparecer e persoarse en calidade de demandado ante o Xulgado do Contencioso-administrativo nº1 noutros dous asuntos:

  1. No procedemento interposto por un particular, axente da Policía Local, en materia de Persoal (Solicita que se lle adxudique por promoción interna unha praza que o Concello prevía cubrir por mobilidade e quedou vacante).
  2. E, finalmente, no procedemento que interpoñen os seis concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE, en calidade de persoas físicas, fronte ás Bases e Convocatoria da provisión de Xefaturas de Servizo neste Concello (Benestar Social, Medio Ambiente, Planeamento e Xestión urbanísticas, Saúde, Infraestruturas, Cultura, Xuventude e Participación Cidadá, Educación, Formación Ocupacional, Desenvolvemento Local e Promoción Económica, Facenda, Licencias Urbanísticas de Actividade, Apertura e Disciplina, Recadación, Servizos Xerais, Sistemas Informáticos, Termalismo e Turismo. Din que as bases non son conformes a dereito.

Licenzas.

No que respecta a Licencias, concedéronse 3: para a segregación dun local en Curros Enríquez, para instalar un ascensor en Río Návea. O terceiro punto deste apartado vén de lonxe: de maio de 1996. Debido a unha revisión de oficio dunha licencia outorgada pola Comisión de Goberno en maio daquel ano para construír un edificio na rúa Progreso (daquela General Franco), comezou un longo proceso que culmina, agora, co ditame do Consello Consultivo de Galicia que vén darlle a razón ao Concello de Ourense. Finalmente, denégase a licencia: Declárase nula a resolución de 1996 e finaliza o proceso.

Aperturas

No que respecta a Licenzas de Apertura, concedéronse 3: para adaptación de local para clínica dental no Ribeiriño, para proxecto básico e de execución dun edificio para hotel na rúa San Paio (o hotel biosostible da cidade, que contará con 26 habitacións dobres e estará realizado cunha alta porcentaxe de materiais reciclados e xestión enerxética a través da xeotermia, así como un profundo respeto cara a sostenibilidade medioambiental, contará con aparcadoiro para bicicletas, un pequeno ximnasio e zona de cafetería automática), e para adaptar local destinado a herboristería na avenida da Habana.

Planeamento urbanístico

O Concello solicitoulle ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a revisión da delimitación do “Parque Empresarial Seixalbo-Cumial”, prevista no Plan Sectorial das Áreas Empresariais de Galicia xa aprobado en 2012. Durante estes anos houbo unha serie de alegacións a este plan e, actualmente, o Concello vese na obriga de pedirlle ao IGVS unha redución do mesmo para axustala ao terreo e excluíndo do mesmo unha serie de zonas de orografía complicada.

Xestión urbanística

Neste apartado, aprobouse o replanteo do Proxecto de Urbanización da AR-22 (O Polvorín 1 – O Cumial) da ordenación urbanística provisional. Trátase, por así dicilo, dun novo cálculo xeodésico, xa que o anterior estaba feito co elipsoide Hayford e agora o que se emprega é o elipsoide GRS80, e hai unha diferencia de 22 centímetros entre o primeiro cálculo e o segundo. “Noutras palabras: é como se calculamos o prezo en libras e, ao facer o cálculo en euros, temos unha diferenza de céntimos entre o primeiro e o segundo cálculo”, resumiu o alcalde.

Contratación

 Con respecto ao Servizo de Contratación, foron 2 asuntos: por unha banda, desestimouse un recurso de reposición presentado por un particular no procedemento para contratar un local para cedelo á AVV Os Rosais. Queda así declarado deserto definitivamente.

O segundo asunto é adxudicar o arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á AVV Arranxar II Oficina, por un importe de 2.366,16 euros anuais. Só se presentou un licitador, que foi o finalmente adxudicatario.

Servizos Xerais

Aprobouse o gasto concreto da subministración de carburante para o parque móbil do Concello para o presente ano (150.000 euros) e o 2018 (77.768,46 euros). Este gasto é derivado da firma do contrato coa empresa Estaciones de Servicio Pérez Rumbao S.A.

Sanidade

Da Concellería de Sanidade desestimamos un recurso de reposición dun particular contra a decisión de denegarlle licencia de tenza de animais potencialmente perigosos. A decisión foi porque o particular tiña antecedentes penais, unha das causas de exclusión.

Recursos Humanos

E, por último, correspondente á Concellería de Persoal e Recursos Humanos, inadmitiuse a trámite o recurso de reposición, presentado polo Grupo Municipal do PSOE, contra as bases específicas das xefaturas de servizo aprobadas o pasado 31 de outubro.