Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A Policía Local de Ourense, composta por 113 funcionarios -13 mandos e 100 policías, un 25% menos do que hai 8 anos-, reorganizará as súas quendas de traballo para adaptarse ás necesidades da rúa, segundo adiantou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local.

Segundo un informe do que deu conta o concelleiro de Seguridade Cidadá, Carlos Campos, a Policía Local “establecerá quendas rotatorias para contar con óptimos tempos de descanso entre xornadas, evitando deste xeito a concentración de traballo nun espazo temporal máis curto, como así viña sucedendo, e mellorando ademais o seguimento e eficacia dos servizos”, en palabras do rexedor.

No informe establécese a supresión do cuadrante das sesións de Atestados de Tráfico, Seguridade Cidadá e Motorista, o chamado turno africano-horizontal, xa que “a día de hoxe o prioritario é optimizar a prestación deste servizo adecuando o número de efectivos ás quendas de traballo nos que existe unha maior demanda”.

Novidades na Policía Local

Así, a cidade de Ourense terá desde agora 4 patrullas nocturnas de xoves a sábado incluídos. Por este motivo, a proposta da Policía Local é “reforzar o persoal en quendas de mañá e tarde en días laborables e lectivos, precisamente nos momentos nos que o volume de tarefas é maior”, dixo o alcalde. Das 15.436 chamadas á central no último ano, o 75% delas foron en horario de mañá e tarde. Ademais, a Policía atende máis de 13.000 expedientes administrativos (tanto de entrada como de saída) en coordinación con outras administracións, como recollen os datos das últimas memorias.

Outra das propostas expostas pola intendente xefe da Policía Local no seu informe versa sobre a necesidade de incrementar o número de policías uniformados nas rúas, tendo en conta que as patrullas a pé propician un maior grado de presenza policial contribuíndo a incrementar o labor preventivo e disuasorio; achegamento e relación directo co cidadán; visualización do labor policial; multiplicar a presenza policial nas rúas; exercer apropiadamente o labor informativo; e incrementar o grao de confianza entre os veciños.

Ademais, o alcalde deu conta doutros 20 asuntos achegados polas diferentes concellerías e servizos municipais, a maior parte relacionados co Servizo de Licenzas Urbanísticas, de actividade, apertura e disciplina.

Servizo de Licenzas Urbanísticas de Actividade, Apertura e Disciplina.

  1. A xunta de goberno local deu conta de catro licenzas relativas á instalación de ascensores en edificios da rúa Eladio Rodríguez, Bonhome, Río Arenteiro e no CEIP Seixalbo. Ademais, concedéronse senllas licenzas de obra para adaptación de locais a cafetería, un deles na rúa Velázquez, e outro nas piscinas públicas de Oira. No mesmo apartado, os propietarios dun local comercial reclaman a nulidade dunha serie de procedementos previos para a obtención dunha licenza. O Concello esperará a que a Dirección Xeral de Patrimonio se pronuncie sobre a documentación remitida polos solicitantes.
  2. No relativo aos expedientes disciplinarios, deuse conta de cinco, catro deles por colocación de cartelería ilegal nas rúas do Paxaro e Valle Inclán. Incóanselles expedientes sancionadores nalgúns casos, impónselles unha multa de 150 euros no caso dunha empresa que xa é reincidente e 300 euros no caso dun anunciante ao que se lle atoparon carteis colocados de forma ilegal ata en 5 rúas da cidade.O último dos asuntos é un requerimento de proxecto de demolición dunhas obras executadas sen licenza en Rairo.
  3. Ademais, a xunta de goberno tivo coñecemento de dúas reclamacións patrimoniais, a primeira polos danos causados nun vehículo polo incendio dun contenedor de lixo na rúa Vasco Díaz Tanco, e outro polos danos causados nun vehículo ao colisionar cun bolardo. Ambas foron desestimadas por non concorrer os requisitos legais que xustifiquen o dereito a unha indemnización.

Cultura

A xunta de goberno aprobou as bases e a convocatoria do Concurso do Entroido 2017, que terán un gasto por importe de 16.000 € con cargo á partida do orzamento municipal vixente. 

Bases para participar no Entroido 2017

Avogacía consistorial

Os tres asuntos achegados pola avogacía consistorial son referidos a Recursos Humanos: o primeiro, un personamento perante o xulgado do social por un caso de despido; os outros dous, unha sentenza e un auto que teñen que ver coas condicións laborais de dous funcionarios municipais.

Contratación

Adxudicouse, mediante procedemento aberto, o servizo de teleasistencia domiciliaria a Cruz Roja Española polo prezo de 11,00 € terminal / mes por ser a oferta máis vantaxosa e cumprir esta con todos os criterios dos pregos de condicións de conformidade co prego técnico.

Augas

Declarouse a caducidade dun expediente de responsabilidade contractual incoado á empresa VIAQUA por non presentar dentro de prazo a proposta de control sobre os volumes de auga empregados nos ríos Loña e Miño. Polo tanto, e segundo explicou o alcalde, “pásase a incoar un novo expediente de responsabilidade contractual para esixirlle os danos e perxuízos causados polo presunto incumprimento das condicións do contrato”.